Estás en:Novas

A Deputación renova a súa alianza co Real Club Deportivo da Coruña para promocionar a provincia como destino turístico

A campaña "A Coruña, unha provincia por descubrir" loce por segundo ano nas equipacións do primeiro equipo masculino e feminino do Deportivo e nas pantallas de Riazor

A Deputación renova a súa alianza co Real Club Deportivo da Coruña para promocionar a provincia como destino turístico

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, visitaron esta mañá a cidade deportiva do Real Club Deportivo da Coruña en Abegondo, onde foron recibidos pola vicepresidenta do club, Michelle Clemente Escotet, o conselleiro delegado, Massimo Benassi, e parte da plantilla.

O motivo da visita foi dar a coñecer a nova colaboración institucional entre a Deputación e Deportivo para promocionar a provincia como destino turístico de calidade a través da campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir", que por segundo ano consecutivo loce nas equipacións dos primeiros equipos, tanto masculino como feminino do Dépor, e que se proxectará tamén no videomarcador de Riazor durante os partidos desta tempada.

"Con esta alianza queremos recoñecer e pór en valor o sentimento que a cidade e a provincia da Coruña teñen co Deportivo, coa súa gran historia deportiva e tamén co seu futuro", afirmou o presidente da Deputación, que incidiu en que a experiencia do ano pasado demostrou que o Dépor "é un gran embaixador para promocionar en toda España a provincia da Coruña como destino turístico, que como di o noso lema ten moito por descubrir".

Pola súa banda, o conselleiro delegado do Real Club Deportivo da Coruña, Massimo Benassi, afimou que "estamos encantados de recibir este apoyo y de que, por segundo temporada, podamos llevar a la provincia y a la Diputación en nuestra indumentaria, tanto en el equipo masculino como en el femenino, que para nosotros es un proyecto fundamental. Que sea por muchas temporadas más porque para nosotros poder colaborar con las instituciones es fundamental", apuntou.

Esta nova alianza estreita os lazos entre a Deputación e o RC Deportivo, que aporta a a súa pegada no territorio e o seu impacto social no terreo deportivo para promocionar a provincia coruñesa dentro e fóra de Galicia.

A través desta colaboración, a Deputación inviste 264.375 euros que redundan en beneficio do club, da cidade e da provincia.

Nos vindeiros días, a Deputación presentará un acordo similar co Racing Club de Ferrol en vésperas de que ambos equipos de Segunda División da provincia disputen un interesante derbi este sábado na Malata.