Santiago de Compostela inaugura a súa Feira do Libro, que un ano máis conta co apoio da Deputación
Na inauguración participou a deputada provincial Soledad Agra, que afirmou que a Feira do Libro de Santiago "se converte cada ano nun ritual máis dos moitos que se celebran cada primeiro de maio para celebrar a chegada da primavera, neste caso chea de casetas de librarías e editoriais, que permiten ese espazo de encontro e intercambio"

A alameda compostelá converteuse esta mañá no escenario de presentación da Feira do Libro, "que se converte cada ano nun ritual máis dos moitos que se celebran cada primeiro de maio para celebrar a chegada da primavera, neste caso chea de casetas de librarías e editoriais, que permiten ese espazo de encontro e intercambio" sinalou a deputada durante a súa intervención. A mostra estenderase até o 11 de maio, ofrecendo literatura, encontros e pensamento compartido.
Na inauguración estiveron presentes, ademais da deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra; a tesoreira da Federación de Librarías de Galicia, Patricia Porto; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O pregón correu a cargo da libreira Lola Puerta.
Agra destacou que as librarías "son algo máis que estantes de libros á venda, porque a lectura comeza no momento que entras na túa libraría de referencia e falas coa túa libreira ou libreiro, esa persoa que te coñece e que coñece os libros, que che pode ofrecer o que necesitas ler nese momento vital no que te
Atopas". A deputada animou ao público a "visitar cada un destes postos, falar coas libreiras e libreiros, cos que levan moitos anos, e coas que acaban de abrir, con editoras e editores, coas autoras e autores consagrados e cas noveles, atopar veciñanza e coñecidas de fora, familias enteiras que desfrutan de botar un ollo e mercar desde libro infantil até novela negra ou libro antigo".
Dende hoxe e ata o 11 de maio a Feira do Libro de Compostela porá en marcha contacontos, roteiros literarios, obradoiros creativos, presentacións de libros e encontros con escritoras e ilustradoras como Arantxa Portabales, Isabel Blanco e María Lapido, Neves Rodríguez, Alba Cid, Elena Gallego Abad, Xabier Queipo e María Hesse, entre moitas outras voces destacadas da literatura galega e estatal. Destacan tamén os espazos de diálogo arredor da literatura fantástica, a banda deseñada ou a memoria histórica.