Estás en:Novas

A Deputación da Coruña licita por 279.728 euros da última fase das obras de mellora da estrada DP 1105 en Boiro

O investimento súmase aos 1,5 millóns xa investidos nas obras de renovación do firme en 13 quilómetros desta vía ao seu paso por Noia e Lousame

A Deputación da Coruña licita por 279.728 euros da última fase das obras de mellora da estrada DP 1105 en Boiro

FOTO (ARQUIVO). Visita do presidente, o alcalde de Boiro e a depuatada de Vías e Obras a un tramo da estrada DP 1105

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de renovación da capa de rodaxe do derradeiro tramo da estrada provincial DP 1105 entre os puntos quilométricos 14+031 e 15+603 ao seu paso polo termo municipal de Boiro.

As obras suporán o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor en todo o ancho da plataforma da calzada, despois da roza das marxes, apertura de cunetas e fresado con medios mecánicos das interseccións da vía con outras vías.

O proxecto inclúe tamén a recolocación do paso de peóns situado á altura do PQ 15+107 para o que será necesaria a realización dun pequeno muro de escollera na marxe dereita e dous tramos de beirarrúa en ambas as marxes da estrada.

Por último, inclúese a reposición das marcas viais de eixe, bordes e pasos de peóns, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Este investimento súmase aos 1,5 millóns investidos pola Deputación da Coruña nos últimos anos para a renovación integral do firme en 13 quilómetros desta vía fundamental para a vertebración das comunicacións por estrada da comarca, que conecta os municipios de Noia, Lousame e Boiro e rexistra un elevado volume de tráfico co paso de máis de 4.500 vehículos diarios.