A Deputación e o Concello de Negreira inauguran as renovadas pistas de tenis de Pedra Mámoa tras unha reforma de 80.000 euros financiada polo Plan Único
O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Negreira inauguraron as renovadas instalacións, que permiten recuperar a práctica do tenis aos afeccionados do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, participaron este sábado no acto de inauguración das pistas de tenis de Pedra Mámoa, que acaban de ser renovadas grazas a un investimento de 80.000 euros procedente do Plan Único (POS+). Ao acto asistiron tamén a deputada de Política Social e concelleira de Deportes, Mar García Vidal, e o presidente do Club de Tenis de Negreira, Jesús Mariño Couso, así como integrantes da Escola Municipal de Tenis e veciños.
A actuación permitiu a recuperación integral dunhas instalacións deportivas de máis de tres décadas de antigüidade e que levaban máis de 15 anos sen reformas, e que se atopaban nun estado moi deteriorado debido ao seu uso continuado e ás condicións climatolóxicas, ao tratarse de pistas descubertas. As obras consistiron na renovación total do pavimento con formigón poroso, o pintado con resinas sintéticas de alta calidade e a reposición completa do equipamento: rede de nailon, postes de suxeición, liñas de xogo e demais elementos necesarios para garantir a práctica deportiva nas mellores condicións.
Durante o acto, Valentín González Formoso destacou a aposta da Deputación da Coruña por mellorar as infraestruturas deportivas da provincia, unha ferramenta clave para fomentar hábitos de vida saudables, dinamizar a vida comunitaria e crear espazos de encontro para a cidadanía. "Este tipo de instalacións teñen un valor social importante. Grazas ao Plan Único, podemos destinar cada ves máis fondos e poñelos ao servizo dos concellos, que son quen mellor coñecen as necesidades da súa veciñanza", sinalou.
O presidente provincial lembrou que Negreira é un dos municipios que leva aproveitando de forma exemplar esta ferramenta de cooperación municipal: "Na última década, a Deputación destinou 8,2 millóns de euros ao concello a través do Plan Único, financiando un total de 35 obras que inclúen desde pavimentación de camiños ou mellora das redes de saneamento e abastecemento de auga, ata proxectos coma este que contribúen a recuperar actividades deportivas que contan cunha ampla demanda social, como é o caso do tenis en Negreira".
Pola súa banda, o alcalde Manuel Ángel Leis subliñou que se trata dunha reforma "moi necesaria" nunha instalación que leva ao servizo da veciñanza máis de 35 anos. "Con esta intervención recuperamos unhas pistas utilizadas por moita xente, que poñemos de novo ao dispor do Club de Tenis de Negreira, da Escola Municipal de Tenis e de todos os veciños e veciñas que practican este deporte", afirmou.
Leis puxo tamén en valor o impacto do Plan Único na xestión municipal. "É un instrumento fundamental que nos permite executar investimentos relevantes para o benestar da nosa veciñanza, e ademais facelo con autonomía local, xa que somos os propios concellos os que decidimos a que obras ou servizos destinar os fondos", indicou.
A deputada de Política Social e concelleira de Deportes, Mar García Vidal, salientou tamén o carácter transversal da actuación, que reforza a rede de instalacións deportivas públicas do municipio e permite seguir promovendo a práctica do deporte desde idades temperás. García Vidal agradeceu a implicación do tecido deportivo local "que son o verdadeiro motor destas instalacións".
A xornada rematou cun partido de exhibición entre xogadores e xogadoras da Escola Municipal de Tenis e do Club de Tenis de Negreira, que serviu para poñer a proba o excelente estado das pistas e celebrar a recuperación dun espazo deportivo de referencia para o municipio