A Deputación da Coruña destina 100.000 euros para comprar novas embarcacións e equipamento ao Club de Remo da Pobra
O presidente da Deputación e o do club pobrense asinaron o convenio, que cumpre o compromiso expresado polo presidente Valentín González Formoso na súa visita ao club tras o grave incendio que sofreu o pasado xaneiro
Formoso anuncia que A Pobra acollerá o 31 de maio a I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña e agradece a solidariedade de Muros, onde estaba previsto que se celebrara esta proba

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron esta tarde ao Club de Remo da Pobra con dúas boas novas para a entidade: a sinatura dun convenio que permitirá ao club a compra de novas embarcacións e material de adestramento e competición, tras o grave incendio que a entidade sofreu nas súa nave o pasado xaneiro e que lle supuxo a perda de todo o equipamento que se almacenaba nela, e a súa elección como sede da I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, que se disputará na Pobra o sábado, 31 de maio.
Catro meses despois da súa visita última ao Club de Remo nos días seguintes ao incendio, Valentín González Formoso regresou á Pobra para cumprir o compromiso adquirido entón coa directiva da entidade de axudar con 100.000 euros á reposición de todo o material destruído polo lume. Un acordo que asinaron o propio Formoso e o presidente do club pobrense, Emilio José Dieste Regades, que agradeceu o apoio da Deputación nos momentos difíciles para un club que conta con case medio século de historia, 475 socios e máis de 140 licencias federativas, a maior parte delas en categorías base.
O acordo supón un investimento total de 127.594 euros dos que o 78% (100.000 €) son achegados pola Deputación. Con estes fondos, o Club de Remo da Pobra poderá adquirir novas embarcacións e material para desenvolver a súa actividade, que actualmente está realizando en precario grazas ao material cedido por outros clubs de Galicia. Entre o material recollido no acordo figuran tres traiñeiras para 13 remeiros de diferentes modelos, catro bateis de fibra de carbono, tres embarcacións de banco móbil, remos de fibra de carbono, así como máquinas de ximnasio e outro material de adestramento.
A Pobra acollerá a Bandeira de Bateis Deputación da Coruña
Na súa visita ao Club, o presidente da Deputación da Coruña estivo acompañado do presidente da entidade, Emilio José Dieste, o presidente da Federación Galega de Remo, José Luís Méndez, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal e a tenente de alcalde, Patricia Lojo.
Formoso anunciou que A Pobra acollerá o vindeiro 31 de maio a I edición da Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, unha nova competición destinada a fomentar o remo de base e impulsar a participación da mocidade neste deporte tradicional.
A proba, que inicialmente estaba prevista para celebrarse en Muros, desenvolverase finalmente na Pobra do Caramiñal, logo de que o Concello muradán aceptase a proposta da Deputación de cambiar a sede do evento para apoiar ao club local da Pobra tras o incendio, un xesto de solidariedade que o presidente da Deputación agradeceu ao Concello de Muros.
O evento contará coa participación de clubs de toda a provincia, que competirán nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en modalidade masculina como feminina. A competición desenvolverase nunha única xornada, con eliminatorias pola mañá e finais pola tarde.
O alcalde, José Carlos Vidal, agradeceu "á Deputación da Coruña o seu compromiso co Club de Remo. O convenio asinado hoxe é un paso moi importante para que poida repoñer material e isto permitiralle continuar coa súa actividade deportiva ao máximo rendemento". Ademais, asegurou que "é unha satisfacción que se presente aquí a I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, xa que na Pobra sempre estaremos ao carón deste deporte, que está completamente arraigado á identidade do noso municipio".
O evento está organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Remo, que será a encargada da inscrición dos equipos e da coordinación técnica da proba. Ademais dos trofeos e medallas, a Deputación destinará 11.700 euros en premios económicos e máis de 27.000 euros en axudas á participación para os clubs.
A través desta iniciativa, a Deputación busca apoiar aos numeroso clubs de remo da provincia, incentivar a práctica do remo entre a mocidade e fomentar a cohesión social a través do deporte.