O Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón, acolle este venres a entrega dos premios PEL 2025 da Deputación
Nesta sétima edición rexistrouse unha participación récord, con 127 candidaturas presentadas nas tres categorías que conforman os galardóns
A empresa gañadora de cada un dos galardóns recibirá un premio económico de 20.000 euros

A Deputación da Coruña celebra este venres 20 de xuño, a partir das 19.30 horas, a gala de entrega da sétima edición dos Premios PEL, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña e que xa se consolidaron como un referente no panorama económico galego. O acto terá lugar no Campus Tecnolóxico Cortizo de Padrón, nun encontro que reunirá a representantes do tecido empresarial, institucional e social da provincia e que estará presidido polo titular do goberno provincial, Valentín González Formoso.
Os Premios PEL, impulsados pola área de Emprego da Deputación, teñen como obxectivo poñer en valor o papel fundamental das empresas como xeradoras de riqueza, emprego e benestar. Ademais, buscan contribuír á sustentabilidade do territorio, fomentar a cultura emprendedora e dar visibilidade a proxectos que deixan unha pegada positiva no ámbito socioeconómico da provincia.
Participación récord
Nesta edición, rexistrouse unha participación récord, con 127 candidaturas presentadas nas tres categorías que conforman os galardóns. A categoría de Iniciativa Emprendedora rexistrou 31 candidaturas; a de Traxectoria Empresarial, 79; e, por último, a de Proxección e innovación sostible contou con 17 candidaturas seleccionadas directamente polo xurado.
Un dos principais cambios introducidos este ano foi a renovación do xurado, que se fixo máis plural e paritario coa incorporación de representantes de empresas de economía social e a garantía da igualdade de xénero na súa composición. Tamén se ampliaron os criterios de antigüidade das empresas participantes e simplificouse o proceso de presentación de candidaturas, co fin de facilitar a participación.
O xurado, composto por persoas expertas do ámbito empresarial e institucional, reuniuse o pasado 4 de xuño para deliberar sobre as propostas presentadas, valorando aspectos como a orixinalidade da idea de negocio, o grao de innovación, o compromiso social, a responsabilidade social empresarial e o impacto das iniciativas no territorio.
Cada unha das tres categorías dos Premios PEL está dotada cun premio de 20.000 euros, o que converte este certame nun dos máis relevantes no ámbito do emprendemento tanto a nivel galego como estatal.
Ademáis, o xurado pode conceder outros tres accésit dotados con 5.000 euros cada un.