As Pontes acolle a II Carreira Greenpower Galicia, unha competición de vehículos eléctricos con apoio da Deputación da Coruña
Dez equipos de Galicia e Asturias compiten neste evento, no que os estudantes deben construir e pilotar os seus propios vehículos eléctricos
Formoso destaca que o evento é "un exemplo de innovación, aprendizaxe e traballo en equipo"

O circuíto de karting de As Pontes foi este mércores o escenario da II Carreira Greenpower Galicia, unha iniciativa educativa e tecnolóxica que reúne a estudantes de Galicia e Asturias arredor dun reto común: construír e pilotar vehículos eléctricos sostibles.
A competición conta co apoio da Deputación da Coruña e o Concello das Pontes e está organizada pola Universidade da Coruña a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar a carreira xunto co director da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol, Vicente Díaz Casás, e o concelleiro de Ferrol, Arán López.
A carreira forma parte do proxecto Greenpower Iberia-Bridgestone, unha iniciativa internacional que busca fomentar as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre o alumnado, a través da aprendizaxe baseada en proxectos e o traballo en equipo.
Nesta segunda edición, competiron dez equipos procedentes de distintos centros educativos de Galicia e Asturias, nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (ata 25 anos). A participación está aberta a alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade.
Os equipos participantes na edición de hoxe son:
Listaxe de equipos participantes na II Carreira Greenpower Galicia
Equipo | Nome | Categoría | Centro |
1 | CidercarNava | F24 | IES Peñamayor (Nava, Asturias) |
2 | Kastro Sport Teams | F24+ | IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña) |
3 | EPEF Racing Team | F24+ | Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol EPEF – Universidade da Coruña UDC (Ferrol, A Coruña) |
4 | EPEF Racing Team II | F24+ | Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol EPEF – Universidade da Coruña UDC (Ferrol, A Coruña) |
5 | Kartlonga | F24+ | IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra) |
6 | Abrente Gp | F24+ | IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense) |
7 | AUTOMOCIÓN FERROLTERRA | F24+ | CIFP Ferrolterra (Ferrol, A Coruña) |
8 | TT Racing Narón | F24 | IES As Telleiras (Narón, A Coruña) + IES Terra de Trasancos (Narón, A Coruña) |
9 | IES Concepción Arenal | F24 | IES Concepción Arenal (Ferrol, A Coruña) |
10 | ViVeiRo KRt & Co | F24+ | IES María Sarmiento (Viveiro, Lugo) |
A competición non busca a velocidade máxima, senón a eficiencia enerxética: os vehículos deben percorrer a maior distancia posible cunha soa batería eléctrica, durante probas que van dos 60 aos 90 minutos, con relevos obrigatorios de pilotos. Un desafío tecnolóxico que pon en valor a innovación, a sustentabilidade e o traballo en equipo.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou na inauguración do evento e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para "achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade dun xeito práctico e motivador, implicando ao alumnado nun reto real que conecta con grandes desafíos do presente, como a mobilidade sostible".
Formoso destacou o valor que ten que os alumnos e alumnas deseñen, monten e poñan en funcionamento os seus propios vehículos eléctricos desde cero, partindo dun kit base que deben adaptar, optimizar e personalizar. "O que vemos hoxe é foito de moito talento e de longos meses de traballo no que o alumnado enfronta retos técnicos e de enxeñaría, toma decisións sobre aerodinámica, transmisión ou consumo enerxético...Un verdadeiro exemplo de innovación, aprendizaxe e traballo en equipo", afirmou o presidente da Deputación, que subliñou tamén "o escenario ideal para esta competición" que representa o circuíto de karting das Pontes.
A carreira desenvolverase ao longo de toda a xornada, con entrada libre para o público, nun ambiente festivo que busca tamén achegar á cidadanía o mundo da enxeñaría, a electromobilidade e a educación ambiental.
Ademáis da Deputación da Coruña e o Concello das Pontes, a iniciativa conta coa colaboración dos concellos da Coruña e Ferrol, da Real Federación Española de Automobilismo, Greenpower Iberia-Bridgestone, e de empresas e entidades como o Grupo Intaf, Renault Caetano Fórmula Galicia, Carpintería Madesa ou Gadis.