Estás en:Novas

Bernardo Fernández reivindica o papel esencial dos servizos públicos na cohesión social e a igualdade de oportunidades

O deputado portavoz do Goberno da Deputación participou na inauguración do Congreso de Servizos Públicos da UGT Galicia e celebrou a nova etapa liderada por Cristóbal Medeiros

Bernardo Fernández reivindica o papel esencial dos servizos públicos na cohesión social e a igualdade de oportunidades

O deputado portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou esta mañá en Santiago na inauguración do Congreso de Servizos Públicos de UGT Galicia, onde destacou a importancia de blindar os servizos públicos como garantes da igualdade de oportunidades, a cohesión social e a dignidade das persoas.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández quixo felicitar á organización sindical pola celebración do congreso e trasladou o seu recoñecemento á nova executiva galega liderada por Cristóbal Medeiros, recentemente elixido secretario xeral. Un cambio xeracional —dixo— "cheo de forza, ilusión e proxectos novos, mais sustentado na solidez ideolóxica que avalan máis de 135 anos de historia e loita sindical".

O deputado subliñou que a sociedade actual enfróntase a retos complexos como a dixitalización, o envellecemento poboacional ou o despoboamento do rural, que afectan directamente aos servizos públicos. Nese contexto, valorou como "moi acertado" o lema do congreso, "Afrontar os cambios", e defendeu unha resposta firme desde o público: "Desde a nosa visión, os servizos públicos non son un gasto: son unha garantía de equidade e xustiza social, sexa cal sexa o lugar no que viva unha persoa ou a súa situación económica".

Fernández insistiu na necesidade de apostar por investimentos decididos en sanidade, educación, coidados, transporte público ou vivenda accesible, especialmente para a mocidade. "Un Estado social non se constrúe con discursos baleiros, senón con políticas públicas valentes", sinalou.

Tamén advertiu das consecuencias dos recortes e da privatización impulsados pola dereita, e defendeu o modelo de servizos públicos universais, gratuítos e de calidade polo que levan décadas loitando desde a UGT.

"O que está en xogo non é só a calidade dun servizo, senón o modelo de sociedade que queremos. Nós apostamos por unha sociedade de iguais, onde ninguén quede atrás e onde os dereitos non dependan da conta bancaria ou do código postal", concluíu.

Finalmente, reivindicou a dignificación do emprego público, lembrando que detrás de cada servizo hai profesionais "entregados e comprometidos, sen os cales o público non funciona". E desexou "moita sorte e acertos" á nova executiva que sairá do congreso.