Estás en:Novas

Igualdade da Deputación presenta a campaña ‘Liberdade de ser e de sentir’ polo 28X, Día da diversidade sexual

A iniciativa presentouse esta mañá, da man da deputada, Soledad Agra, acompañada de Ana García, de Alas A Coruña; Victoria Fernández da compañía, Pérez & Fernández e Emi Candal, de Urdime

A campaña inclúe diferentes actividades durante todo o ano: palestras, representacións teatrais, materiais divulgativos e o acto institucional do 27 de xuño, entre outras

"A loita do colectivo LGTBIQ+ non é só unha loita legal, senón tamén polo dereito a vivir con dignidade, sen medo, sen violencia e sen discriminación. Unha loita pola liberdade de ser, estar e sentir. E estas campañas, por desgraza, seguen sendo moi necesarias" salientou Agra

Igualdade da Deputación presenta a campaña ‘Liberdade de ser e de sentir’ polo 28X, Día da diversidade sexual

A Deputación da Coruña conmemora o Día da Diversidade Sexual, impulsando a campaña de sensibilización 'Liberdade de ser e de sentir'. Así o presentou esta mañá a deputada de igualdade, Soledad Agra, acompañada de Ana García, de Alas A Coruña; Victoria Fernández da compañía, Pérez & Fernández e Emi Candal, de Urdime.

Implicación de concellos e entidades
Trátase dunha nova edición desta campaña que apela á complicidade dos 93 concellos da provincia e convida a adherise á iniciativa a aquelas entidades do tecido asociativo que estean interesada en participar, asumindo 3 compromisos moi sinxelos: Iluminar, se é posible, un espazo público coas cores da bandeira LGTBQI+; expoñer publicamente a bandeira LGTBQI+ e difundir a campaña nas redes empregando o cancelo #seresentir. "Desde a Deputación queremos que os recursos, a información e a visibilización do colectivo cheguen a todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño e orzamento", sinalou a deputada.

Actividades anuais
A campaña iniciouse o pasado 31 de maio coa celebración da IV edición do congreso 'Memoria Diversa', que centrou a reflexión sobre os novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBT, creando espazos de encontro e reflexión arredor da memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galiza. O congreso foi gravado e está dispoñible na canle de YouTube da Deputación da Coruña.

Ademais do congreso, inclúe diferentes actividades que se desenvolverán nos próximos meses xa que, tal e como sinalou a deputada, "na Área de Igualdade da entendemos que o activismo polos dereitos das persoas LGTBQI+ non debe cinguirse a un único día no ano, polo que a programación que compón a campaña estenderase durante meses":

  • Acto institucional do día 27 no Pazo da Deputación con lectura dun manifesto e unha lectura colectiva de fragmentos de literatura queer galega.
  • Desenvolvemento de tres palestras: Institucionalización das persoas LGTB; Medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTB no ámbito laboral e Corpos e sexualidades disidentes.
  • Representacións teatrais para distintos públicos espalladas por 20 concellos da provincia procurando chegar ao maior número de comarcas do territorio como segue: 10 representacións da obra "Rosa e azul", de Pérez & Fernández, dirixida a público infantil e 10 representacións da obra "Vicio houbo sempre", de Atenea García e dirixida a público adolescente e adulto.
  • Creación de contidos informativos descargables para que concellos e entidades poidan dipor deles nos puntos de información LGTB que organicen.
  • Actualización da páxina web seresentir.gal con novas propostas de literatura LGTB, recompilación de recursos audiovisuais (curtametraxes, películas e series con representación diversa) e enlaces a materiais de libre acceso, así como suxestión de contidos para diferentes idades.
  • Instalación de puntos LGTB en 8 concellos da provincia.
  • Envío de merchandising a concellos de menos de 30.000 habitantes.

"A loita do colectivo LGTBIQ+ non é só unha loita legal, senón tamén polo dereito a vivir con dignidade, sen medo, sen violencia e sen discriminación" apuntou Agra. "Unha loita pola liberdade de ser, estar e sentir. E estas campañas, por desgraza, seguen sendo moi necesarias."

A Información irase actualizando na web https://seresentir.gal/ e faranse comunicacións periódicas a concellos e entidades adheridas informando das novidades. Para consultas e suxestións habilítase o correo electrónico seresentir@dacoruna.gal e o teléfono 646 908 177.