Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia unha nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Ribeira do 17 ao 20 de xullo

Cristina Capelán destacou hoxe na presentación no Museo do Pobo Galego o valor do patrimonio marítimo galego non só desde o punto de vista cultural, senón tamén económico e social

A institución provincial volverá apoiar un evento que "combina tradición e innovación, identidade local e vocación internacional", xa que reunirá máis dun centro e embarcacións da Península Ibérica e Europa

A Deputación da Coruña apoia unha nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Ribeira do 17 ao 20 de xullo

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, participou esta tarde no Museo do Pobo Galego no acto de presentación do XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará do 17 ao 20 de xullo no porto de Ribeira.

A Deputación da Coruña volverá ser un dos principais apoios institucionais desta cita que, desde 1993, se converteu nun referente na defensa e divulgación do patrimonio marítimo e fluvial galego.

Xunto a Capelán participaron na presentación o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, e o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, entre outros.

Durante a súa intervención, Cristina Capelán salientou que o Encontro representa "moito máis ca unha concentración de embarcacións tradicionais". "É unha festa do coñecemento, da tradición, da memoria viva dunha Galicia estreitamente vinculada ao mar", afirmou. A deputada referiuse á importancia do evento como espazo de divulgación e coñecemento arredor do mar: "Entendemos que apoiar o patrimonio non é só restaurar pezas ou preservar técnicas, senón tamén darlles vida, compartilas, transmitilas e facelas parte do presente e do futuro".

A edición deste ano celebrarase en Ribeira, "un lugar profundamente vencellado ao mar, cun tecido social e cultural activo, comprometido e orgulloso das súas raíces", como destacou Capelán. O evento reunirá máis dun cento de embarcacións tradicionais galegas e doutras zonas da Península Ibérica e de Europa. Dende dornas ata gamelas ou traiñeiras, cada embarcación será testemuña viva da diversidade e riqueza do patrimonio marítimo que Galicia conseguiu preservar.

A deputada provincial agradeceu o traballo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), entidade organizadora do Encontro, así como da Asociación Cultural Real e Ilustre Confraría da Dorna, anfitrioa local, e do Concello de Ribeira, que acolle esta nova edición "coa enerxía, o compromiso e a alegría que este evento merece".

Cristina Capelán destacou tamén o compromiso económico da Deputación coa cita: "No ano 2023, a nosa institución foi o principal apoio institucional do Encontro celebrado en Sada, e volverá selo este ano en Ribeira". Un apoio económico que rondará os 90.000 euros e que, segundo subliñou, "vai moito máis alá do financiamento: é unha aposta política e institucional por un modelo de desenvolvemento sostible baseado no coñecemento, na cultura e na participación social".

Desde a área de Mar, explicou, a Deputación seguirá apoiando este tipo de iniciativas "que conectan o mar coa cidadanía, que activan o territorio e que fortalecen o tecido asociativo e económico vencellado á nosa cultura mariñeira".

"O sector do mar non é só un motor económico. Tamén é un xeito de vivir, unha forma de ser, unha fonte de coñecemento e unha reserva para o futuro do noso país", concluíu Capelán, que animou á cidadanía a participar no evento en Ribeira.