O Colexio de Xornalistas presenta o libro 'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada', gañador do premio Luísa Villalta no 2024
A deputada de igualdade, Soledad Agra, asistiu esta mañá á presentación desta publicación que recolle unha viaxe de preto dun século polas comunicadoras galegas
"Este certame foi creado para apoiar, non só coa visibilización e o recoñecemento, senón tamén con 12.500€, ás entidades e persoas que traballan a favor da igualdade de xénero, e este libro que hoxe representa á perfección ese compromiso, permitíndonos coñecer as pioneiras do xornalismo galego"

A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolleu esta mañá a presentación do proxecto As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, premiado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña, consistente nunha publicación e un espazo web que rescatan, visibilizan e valoran o papel das mulleres na comunicación galega. Os distintos materiais investigan e reivindican as biografías das xornalistas pioneiras, e compleméntanas con entrevistas a distintas comunicadoras que marcaron a profesión no pasado máis recente e na actualidade.
A deputada de igualdade, Soledad Agra, asistiu á presentación, onde sinalou a importancia do premio Luísa Villalta da área de igualdade da Deputación "creado para apoiar, non só coa visibilización e o recoñecemento, senón tamén con 12.500€, ás entidades e persoas que traballan no seu día a día a favor da igualdade de xénero, que crean proxectos que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e que teñan capacidade de sensibilización, transformación e divulgación". "E este libro que hoxe presentamos representa á perfección ese obxectivo, permitíndonos coñecer as pioneiras do xornalismo galego, no seu diálogo con referentes actuais, na análise dos retos de futuro para as futuras xeracións de xornalistas".
Pola súa banda, a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, destacou a importancia deste traballo para a entidade que celebra este ano o seu vixésimo quinto aniversario, e afirmou que sen as trece xornalistas entrevistadas "non pode contarse a historia do periodismo en Galicia, e iso pretendemos con esta iniciativa: que xa non se conte sen elas".
A coordenadora do proxecto e membro da Xunta de Goberno do Colexio Eliana Martíns Alvela, quixo agradecer o compromiso de todas as mulleres que fixeron posíbel este traballo colectivo que visibiliza o labor das xornalistas galegas en tres momentos da súa historia: o das profesionais que realizaron as entrevistas, o das entrevistadas que debuxan un retrato da profesión na historia recente a través das súas testemuñas e o das pioneiras cuxas biografías son recollidas na introdución histórica. "Unha viaxe de preto dun século", destacou, polo xornalismo galego con nome de muller, na que "se pon a dialogar o pasado co presente". A través dos materiais recollidos, documéntanse as mudanzas producidas neste tempo no rol da muller, non só no mundo do xornalismo, senón no conxunto da sociedade.
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada consiste nun volume de 230 páxinas editado polo Colexio, así como nun espazo web con materiais adicionais, no que se visibiliza e rescata o papel das mulleres dentro da historia do xornalismo galego, ao tempo que se busca inspirar as novas xeracións con referentes mulleres.
Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.