Estás en:Novas

O deputado Xosé Penas participa na inauguración dunha mostra sobre a indumentaria tradicional na obra de Castelao

'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' pode visitarse ata o 30 de agosto no Salón Artesonado de Fonseca

Penas apuntou que "imos ver 50 figuras cos ollos do século XXI dun personaxe do século XIX pero que viaxa por toda a liña temporal do que supón o seu legado para todos nós, para moitos como artista ou escritor, para outros como político, e para a maioría como relator dun mundo que segue aí fora e que temos a obriga de coidar e protexer"

O deputado Xosé Penas participa na inauguración dunha mostra sobre a indumentaria tradicional na obra de Castelao

Fonseca acolleu onte a inauguración do proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que, no contexto do Ano Castelao 2025, pode visitarse dende este luns e ata o 30 de agosto no Colexio de Fonseca, oara amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O deputado de patrimonio, Xosé Penas participou no acto, xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, entidade promotora desta mostra, José Luis Rodríguez, comisario da mostra xunto con David Quiñones.

Penas puxo en valor "o numerosísimo patrimonio", que "en moitas ocasións trascende o material para achegarnos ata o inmaterial, que ás veces se materializa nunha persoa. Porque hoxe, falamos de Castelao como referencia universal. Castelao non é un artista, un pintor, un escultor, un debuxante, un orador, un ensaista, un político... Castelao é patrimonio deste país". Neste sentido, sinalou que "imos ver 50 figuras cos ollos do século XXI dun personaxe do século XIX pero que viaxa por toda a liña temporal do que supón o seu legado para todos nós, para moitos como artista ou escritor, para outros como político, e para a maioría como relator dun mundo que segue aí fora e que temos a obriga de coidar e protexer".

A exposición
Ducias de manequíns recubertos en liño do país, con base de madeira e brazos articulados, mostran nesta montaxe reproducións fidedignas de traxes tradicionais galegos que aparecen nos óleos, acuarelas, gravados e bosquexos de Castelao. Cada manequín vai acompañado de utensilios e antigüidades para completar a escena a representar.

Tal e como explicaron os comisarios, a exposición conta tamén con reproducións da obra gráfica de Castelao en diferentes formatos e tamaños, ourivería tradicional, paneis con información das obras expostas e dos traxes amosados, vitrinas con material gráfico e documental relacionado coas pezas do corpus expositivo, así como un audiovisual para a proxección na sala.

A exposición poderá visitarse en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.