A Deputación mellorará a comunicación peonil entre Lanzá e Boimorto cunha senda peonil na DP-1004
O proxecto contempla a creación dun itinerario de 830 metros entre os puntos quilométricos 9+690 e 10+560.
A obra supón un investimento de 458.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses dende o comezo dos traballos.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a aprobación definitiva do proxecto de creación dunha senda peonil na estrada DP-1004, que une os núcleos de Lanzá (Mesía) e Boimorto. Esta obra, incluída no Plan de Sendas Peonís 2024, e aprobada por unanimidade no último pleno da Deputación supón un investimento de 458.097,12 euros e permitirá mellorar a seguridade da veciñanza da zona que transita pola marxe desta estrada, dotándoa dun espazo seguro para desprazarse a pé.
A estrada, que carece de espazo reservado para peóns, presenta riscos para a seguridade da veciñanza, especialmente para as persoas maiores ou aquelas que se desprazan camiñando a diario. Coa nova senda, a Deputación busca garantir un tránsito máis seguro, cómodo e accesible, mellorando a calidade de vida das persoas que viven na contorna.
Deste xeito, o proxecto daralle solución a esta carencia coa construción dun itinerario peonil de 830 metros de largo e 2 metros de ancho, entre os puntos quilométricos 9+690 e 10+560 da DP-1004. A obra inclúe tamén actuacións complementarias como a mellora da recollida de augas pluviais, nova sinalización e adecuación do terreo, todo pensado para facer desta estrada un espazo máis ordenado, funcional e seguro.
As obras teñen un prazo de execución de seis meses e están enmarcadas no compromiso da Deputación coa mellora das comunicacións no rural e coa seguridade viaria como prioridade nas infraestruturas provinciais.