A Deputación aproba 1,3 millóns de euros para a construción dunha nova ponte na DP 8001 sobre o río Mandeo en Sobrado
A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia o proxecto actualizado das obras de construción da nova ponte no punto quilométrico 3+100 da estrada DP 8001 sobre o río Mandeo, no termo municipal de Sobrado dos Monxes. O proxecto foi aprobado por unanimidade de todos os grupos no pleno provincial o pasado mes de xuño.
O orzamento das obras increméntase ata 1.336.394, 95 euros, despois de que a última licitación quedara deserta por falta de ofertas. Os traballos previstos completarán as obras de ancheamento e mellora da seguridade xa executadas pola Deputación no resto do vial, que pasou dunha anchura de entre 4 e 5 metros aos 8 metros de plataforma, mellorando notablemente a súa seguridade.
A ponte actual (de 12 metros de longo e unha anchura de apenas 5 metros, o que impide o uso do vial nos dous sentidos de circulación simultaneamente) será demolida para ser substituída por unha nova de vigas prefabricadas sobre formigón armado.
Esta mellora permitirá dotar á ponte dunha plataforma de máis de 9 metros, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, bermas de 0,50 metros e unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho para facilitar a circulación peonil sobre a ponte en condicións de seguridade.
O proxecto inclúe a renovación da sinalización e os sistemas de contención da estrada e a restauración paisaxística da zona, incluíndo a demolición dos tramos de estrada que quedan fóra do novo trazado e a revexetación dos mesmos con especies arbóreas autóctonas.