Estás en:Novas

O mar protagoniza a primeira xornada de ‘Saudade’, que acolleu en Barbanza aos participantes deste evento organizado pola Deputación

Os 13 chefs de todo o Estado asistentes, que suman máis de 20 estrelas Michelín, estiveron hoxe na bodega Entre os ríos, na Pobra do Caramiñal; nun bateeiro e na Lonxa de Ribeira. A xornada rematou cunha cea no compostelán Mercado de Abastos

"O protagonismo deste evento é dos nosos produtores e produtoras locais, que están facendo un excepcional traballo de compromiso co territorio, innovación e ao mesmo tempo de gran calidade e autenticidade, polo que queremos celebrar este momento doce do noso sector tanto agroalimentario como da restauración" sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira

O mar protagoniza a primeira xornada de  ‘Saudade’, que acolleu en Barbanza aos participantes deste evento organizado pola Deputación

Primeira xornada de 'Saudade', o evento organizado por Turismo da Deputación que reúne en diferentes puntos da provincia a 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín do 14 ao 15 de xullo co obxectivo de promocionar o sector agroalimentario da Coruña. A comarca do Barbanza foi hoxe a protagonista. Entre viñedos, bateas e o peixe máis fresco, os asistentes descubriron de primeira man o que hai detrás dalgúns dos produtos máis emblemáticos do noso mar.

O vicepresidente, Xosé Regueira, exerceu de anfitrión, xunto ao alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal e a concelleira Patricia Lojo, que acompañaron durante a visita aos recoñecidos cociñeiros e cociñeiras Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla.

"O protagonismo é dos produtores e produtoras"
Regueira destacou que o "protagonismo" deste evento "é dos nosos produtores e produtoras locais, que están facendo un excepcional traballo de compromiso co territorio, innovación e ao mesmo tempo de gran calidade e autenticidade, polo que queremos celebrar este momento doce do noso sector tanto agroalimentario como da restauración". O vicepresidente sinalou tamén outro dos obxectivos do encontro: "visibilizar o seu traballo e que fagan negocio ante un público de tan alto nivel". "Os cociñeiros non veñen a cociñar, senón a prescribir territorio e produto, e a sorprenderse. Veñen coñecer produto, territorio e sector". Os produtores participantes que estarán presentes nas xornadas ofrecendo mostras da súa materia prima son A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D'Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

Comezaba o día na adega Entre os Ríos (A Pobra do Caramiñal), onde todos os participantes tiveron a oportunidade de coñecer a bodega, coa súa historia; os viñedos e o proceso de cultivo do viño. Ao rematar, desfrutaron dunha cata de viño maridada con conservas e, posteriormente, trasladáronse á praia de Cabío para degustar algúns dos produtos do mar máis representativos do territorio. Pola tarde, o equipo de 'Saudade' trasladouse a Ribeira para embarcarse nun bateeiro e ver como é o proceso de captura dos mexillóns, e á lonxa, para presenciar unha poxa de baixura en directo nun dos mercados máis relevantes do país. Para rematar, o compostelán Mercado de Abastos acolleu unha cea a base de produtos locais na que participaron todos os asistentes, así como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de turismo, Miriam Louzao, e o concelleiro de Mercados, Xan Duro.

Os cociñeiros e cociñeiras participantes valoraron moi positivamente a experiencia e amosaron o seu entusiasmo por coñecer os produtos da horta, máis descoñecidos – a diferenza dos do mar – durante a segunda xornada de mañá en Coristanco. Tamén destacaron a calidade e a autenticidade da materia prima, e a riqueza da súa diversidade. "Tedes a xente, os cociñeiros, o lugar... Esta terra é un privilexio. Aquí comes tempo e comes historias" sinalaban. "Sempre hai algo que descubrir aquí".

Segunda xornada, adicada á terra, en Bergantiños
Mañá o protagonismo recaerá en Bergantiños, cunha xornada dedicada á terra que terá lugar en Coristanco; e as actividades previstas poñerán en valor os produtos do campo, dando a coñecer tamén os procesos de cultivo sostible e o seu papel na gastronomía contemporánea. Así, o programa inclúe un encontro con produtores locais da provincia, profesionais do sector e chefs para compartir e intercambiar opinións e experiencias.

  • Haberá unha primeira mesa de debate, ás 12.00 horas, sobre 'Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria', na que participarán o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D'Lujo.
  • A continuación, ás 12.30 horas, celebrarase unha segunda mesa de debate ao redor do tema 'Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional', na que participarán os chefs Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex. A xornada finalizará cunha comida tradicional.

Entre as empresas participantes figuran A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D'Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

Un proxecto, en definitiva, deseñado para resaltar a excelencia e diversidade dos produtos locais, e que brindará aos participantes a oportunidade de vivir unha experiencia sensorial única, permitíndolles conectarse coa orixe e a elaboración de cada ingrediente.