Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 800.000 euros ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

Concede un total de 45 axudas coas que se financiarán contratacións, melloras nos servizos, obras de acondicionamento de locais e festas gastronómicas de exaltación de produtos locais do mar
A Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé ou a Festa do Marisco de Barallobre (Fene) contan con axudas da Deputación para promocionar produtos de calidade

A Deputación da Coruña apoia con 800.000 euros  ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

A Deputación da Coruña destina este ano preto de 800.000 euros para apoiar o traballo das confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia, dentro da súa aposta polo impulso ao sector pesqueiro artesanal, clave para a economía do litoral galego.

Por unha banda, a liña de subvencións destinada a actividades de funcionamento e promoción de produtos do mar reparte 647.200,60 euros en 36 axudas. Estas subvencións permiten, entre outras actuacións, financiar persoal administrativo e de vixilancia, mellorar a comercialización dos produtos do mar, manter postos de traballo, e promover o relevo xeracional nas confrarías. Ademais, inclúen tamén o apoio a festas gastronómicas de exaltación dos produtos locais, como a Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé, a Festa do Marisco de Barallobre (Fene), ou as xornadas de degustación da navalla e longueirón en Laxe e os produtos da Reserva Mariña de Lira - Os Miñarzos en Lira, Carnota.

A segunda liña orientada a investimentos, achega este ano 149.995,40 euros a nove confrarías (Carreira e Aguiño, Cedeira, A Coruña, Laxe, Malpica, Lira, Noia, Ribeira e Barallobre) para melloras nás infraestruturas e equipamentos. Entre as actuacións financiadas atópanse obras de rehabilitación e acondicionamento de locais, adquisición de vehículos para vixiancia e transporte, instalación de equipos informáticos ou medidas para a eficiencia enerxética e a transformación dixital dos pósitos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estas axudas "son fundamentais para garantir a viabilidade, a modernización e a profesionalización dun sector estratéxico para Galicia, que ademais de riqueza económica xera cohesión social, emprego local e mantén viva a nosa cultura mariñeira".

"As confrarías xogan un papel fundamental nos munipios costeiros e merecen o apoio decidido das administracións públicas. Desde a Deputación da Coruña queremos estar ao seu carón, colaborando para que o mar siga sendo futuro", engadiu Formoso.

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña incrementou progresivamente as axudas ás confrarías de pescadores da provincia, que pasron de 500.000 a preto de 800.000 euros anuais e incluiron novas liñas demandadas polo sector como o apoio ás festas gastronómicas de produtos locais do mar.

Estas convocatorias insírense dentro das políticas da Deputación de apoio ao tecido produtivo local, con especial atención ás pequenas confrarías e ás actividades que revalorizan os produtos pesqueiros e marisqueiros da provincia.

Listaxe completa de axudas concedidas para actividades:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/06/11/2025_0000003839.html

Listaxe completa de axudas concedidas para investimentos:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/07/07/2025_0000004425.html