O presidente da Deputación asistiu á toma de posesión de Ignacio Picatoste como novo presidente do TSXG

Ignacio Picatoste Sueiras tomou posesión este martes como novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun acto celebrado na sede do tribunal, na cidade da Coruña, que contou coa presenza da presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló. Ao acto asistiron representantes das principais institucións xudiciais, civís e políticas de Galicia, entre eles o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso
No seu discurso, Picatoste asegurou que asume o cargo "con agradecemento, deber e responsabilidade" e puxo o foco na reforma do sistema xudicial que está en marcha. Neste sentido, destacou a importancia de que "os xuíces sexan escoitados" nos procesos de cambio que afectan á administración de xustiza.
O novo presidente do TSXG subliñou tamén o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e coa atención ás vítimas máis vulnerables, dous eixes que definiu como prioritarios no desempeño da súa nova responsabilidade.
Picatoste tivo palabras de recoñecemento para os seus predecesores no cargo —José María Gómez e Díaz-Castroverde, Miguel Ángel Cadenas e Jesús Souto—, aos que agradeceu o labor realizado ao fronte do alto tribunal galego.
.