Estás en:Novas

A Deputación presenta o catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal

O vicepresidente, Xosé Regueira presentou esta mañá o proxecto, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Xeoparque Cabo Ortegal", financiado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) - Next Generation EU, acompañado do presidente da Asociación e alcalde de Cerdido, Alberto Rey, e representantes das empresas participantes

A proposta recolle 13 experiencias para desfrutar durante todo o ano da paisaxe, a gastronomía, as actividades de turismo activo e a cultural nun territorio único recoñecido pola UNESCO

A Deputación presenta o catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal

O Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira,prestou hoxe na Coruña o catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal; unha acción que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino 'Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal' financiado con fondos NEXTGENERATIONEU. No acto tamén estivo presente o presidente da asociación e alcalde de Cerdido, Alberto Rey. Regueira destacou a implicación das empresas locais na creación dunha oferta turística sostible e diferenciadora que amosa a esencia do Xeoarque e o potencial dos seus recursos culturais, naturais e gastronómico.

Baixo o lema "Paisaxes inesquecibles, xeoloxía viva", o catálogo recolle 13 experiencias turísticas para desenvolver nos distintos concellos do Xeoparque Cabo Ortegal en plans de fin de semana ou de dous días durante diferentes épocas do ano que son representativas da diversidade e potencial turístico do Xeoparque Cabo Ortegal. Deste xeito, as persoas visitantes poderán gozar de experiencias vinculadas á cultura marítima que inclúen visitas aos portos de Cedeira ou de Cariño; plans de turismo activo como sendeirismo, kayak, vela ou paseos a cabalo; degustacións, catas ou mesmo talleres artesanais de conservas e cerámica ou visitas interpretadas a espazos patrimoniais e paisaxísticos únicos como o Castelo de Moeche ou Santo André de Teixido. Ademais a hostalería e establecementos de restauración local que participan neste catálogo contan cunha oferta baseada no relax, a vida saudable e o consumo de produtos de Qm0.

"O Xeoparque é un dos proxectos máis especiais para Turismo da Deputación, con todo o traballo que implicou a consecución da certificación da UNESCO", sinalou Regueira. "Ortegal é un territorio magnífica tanto xeoloxicamente como polas súas praias, paisaxes e gastronomía", sinalou. "Pero o turismo non é só esa materia prima que se nutre de paisaxes e lugares incribles, senón que o turismo é economía, e ten que crear oportunidades para o territorio e para os concellos – especialmente os máis pequenos e do medio rural – involucrando ás empresas locais e xerando economía".

Neste sentido, Regueira expresou como o Plan de Sostibilidade Turística en Destino está a contribuír a mellorar as capacidades das empresas e da asociación de concellos para facer unha promoción eficaz destinada a atraer un turismo consciente e xerador de riqueza no territorio. "Fixemos posible algo tan complicado como un PSTD, e hoxe presentamos un traballo que é o mellor exemplo dese turismo que é motor económico". O catálogo de experiencias turísticas "representa a unha rede das empresas que traballades no territorio e configura un produto e unha experiencia que ten que servir para xerar oportunidades e que o turismo sexa rendible".

Pola súa banda, presidente da asociación do xeoparque e alcalde de Cerdido, Alberto Rey, explicou o estado actual do proxecto, e agradeceu á Deputación o traballo e o apoio económico.

As diferentes experiencias foron deseñadas seguindo desde a sustentabilidade ambiental, social e económica. Por iso son propostas de pequeno formato, con grupos reducidos, que favorecen a conservación dos espazos naturais e minimizan o impacto ambiental. Priorízanse os desprazamentos a pé, en transporte colectivo ou en vehículos pouco contaminantes sempre que sexa posible.

O catálogo está conformado por propostas que ofertan 29 empresas do territorio adheridas a esta iniciativa, ademais de 13 empresas colaboradoras que prestan servizos asociados ao aproveitamento destas experiencias. As persoas interesadas en coñecer cada unha das propostas poden facelo na web https://xeoparquecaboortegal.gal onde poden consultar os detalles das actividades, como facer as reservas, a época do ano no que se comercializa ou os prezos de referencia.

O acto de presentación tamén contemplou unha sesión de networking das empresas participantes con axencias de viaxes e operadores turísticos que xa amosaron o seu interese na comercialización destas experiencias.