Estás en:Novas

Comeza en Ribeira o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia co apoio da Deputación

A entidade provincial, a través dun convenio asinado coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), fixo unha achega de 90.000€ para a celebración do evento

A deputada provincial Sol Agra asistiu onte á inauguración, onde sinalou que é un "orgullo" apoiar "este ambicioso proxecto que pon en valor a nosa cultura martíma"

Comeza en Ribeira o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia co apoio da Deputación

Ribeira acolleu onte a inauguración do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia; unha cita que conta co apoio da Deputación, a través dun convenio asinado coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) mediante o que a entidade provincial destina 90.000€. A deputada provincial Sol Agra participou na inauguración, onde sinalou que é un "orgullo" apoiar "este ambicioso proxecto que pon en valor a nosa cultura martíma".

Ata o domingo 20 de xullo terá lugar esta cita na localidade barbanzana por segunda vez e 32 anos despois da súa primeira edición. Este evento bienal reúne este ano a preto de 140 embarcacións tradicionais de diferentes puntos de Galicia, España e Europa, e contará tamén cunha delegación suramericana, co obxectivo de divulgar e celebrar o patrimonio marítimo galego.

Agra salientou durante a súa intervención o traballo das asociacións que "salvagardan o patrimonio das embarcacións tradicionais que estaban xa en risco de desaparecer para que volvan a lucir navegando polas nosas rías e ríos". Tamén se referiu á "cultura, patrimonio material e inmaterial e riqueza natural de Galicia". "Por iso", engadiu, "ten tanto valor o que hoxe estamos desfrutando aquí en Ribeira, a reivindicación do noso, que vai da man da posta en valor do noso entorno natural, da nosa artesanía, da nosa fala, da nosa gastronomía, da nosa música e baile, de todo iso que se celebra nesta festa da exaltación da cultura mariñeira nas actividades paralelas".

Así, durante catro días, o porto de Ribeira convértese nun museo flotante, con diferentes embarcacións de diferentes como dornas, gamelas ou bucetas, e con outros actos culturais e de lecer, xornadas de converencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional e artesanía, entre outras actividades complementarias.