Estás en:Novas

O deputado Xosé Penas participa en Ribeira no Festival Salmoira que homenaxea a Castelao

"Estamos ante un mural que nos fala de arte, de patrimonio e tamén da posibilidade converter branco das paredes, un branco silencioso e inerte na música para os nosos ollos a través da vosa perspectiva sobre a figura do máis grande valor e do máis grande referente da nosa historia como país" sinalou Penas

O deputado Xosé Penas participa en Ribeira no Festival Salmoira que homenaxea a Castelao

Ribeira acolleu hoxe o acto de presentación dos novos murais do Festival Salmoira de arte urbana e a homenaxe a Castelao, no marco deste Ano Castelao en Galicia –75 aniversario do seu pasamento–. O deputado de patrimonio, Xosé Penas, participou na presentación xunto ao alcalde Luís Pérez, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas e a concelleira de Cultura, Antía Alberte.

Xunto ás autoridades, acudiron para amenizar o acto As Pandereteiras de Carreira, Bailadela e Sete Linguas, As Garridiñas e As Ferreñas. Na praza de España á sombra e coa figura de Castelao ao fondo comezou este acto coa música das pandereteiras para a continuación pasar aos discursos das autoridades.

O deputado, Xosé Luis Penas, sinalou que un festival como Salmoira "é crucial para entender a arte contemporánea". Penas falou da importancia do linguaxe das pinturas dende o neolítico até os días que nos acompañan; "hoxe en día a pintura reflexa a parte da nosa sociedade e penso que é importante poñer en valor este tipo de arte" e tamén tivo palabras de agradecemento para o autor do mural, Fernando Yáñez, "un mural que nos fala de arte, de patrimonio e tamén da posibilidade converter branco das paredes, un branco silencioso e inerte na música para os nosos ollos a través da vosa perspectiva sobre a figura do máis grande valor e do máis grande referente da nosa historia como país".

"Porque o patrimonio", engadiu, "transcende as veces asemade o puramente inmaterial e materializase nunha persoa, porque hoxe, falamos de Castelao como referencia universal e como figura en maiúscula. Castelao non era un artista, un pintor, un escultor, un debuxante, un orador, un ensaísta, un político, Castelao é patrimonio deste país." Penas tamén puxo en valor o compromiso da Deputación de "preservar os legados que nos deixaron os noso antepasados".