Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia á Confraría da Coruña con novas axudas para mellorar a súa operatividade e servizos ao sector

A Deputación apoia con 35.000 euros ao pósito coruñés para contratar persoal e adquirir unha nova carretilla eléctrica

A Deputación da Coruña apoia á Confraría da Coruña con novas axudas para mellorar a súa operatividade e servizos ao sector

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, e o deputado provincial José Manuel Lage Tuñas mantiveron hoxe unha reunión de traballo co patrón maior da Confraría da Coruña, Javier Mariñas, nas instalacións da entidade, co obxectivo de coñecer de primeira man a situación do sector pesqueiro local e as principais necesidades dos profesionais do mar.

A Confraría da Coruña é unha das beneficiarias do plan de apoio ao sector pesqueiro impulsado pola Deputación da Coruña, que este ano achega preto de 800.000 euros para reforzar o labor das confrarías da provincia.

En concreto, a entidade coruñesa recibiu unha axuda de 19.000 euros destinada á contratación de persoal, co obxectivo de mellorar a atención aos seus 125 asociados profesionais do mar e o marisqueo e a xestión dos servizos da confraría. Ademais, contou cunha segunda achega de 16.286 euros para a adquisición dunha carretilla eléctrica, que permitirá optimizar os labores de transporte de aparellos, carga e descarga de capturas, almacenamento de produtos e movemento interno de materiais.

Durante a visita, a deputada Cristina Capelán destacou "o papel clave da Confraría da Coruña nun porto estratéxico para o sector pesqueiro galego" e sinalou que "a modernización dos medios e o reforzo do persoal son dous piares fundamentais para garantir a competitividade e a sustentabilidade do sector".

Pola súa banda, o deputado José Manuel Lage salientou a importancia de que as administracións "esteamos ao lado das confrarías, non só con palabras, senón con feitos concretos e recursos que melloren o día a día das persoas que traballan no mar".

Estas axudas forman parte do programa provincial de apoio ás confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores, que inclúe 45 actuacións en toda a provincia, cun investimento total de 800.000 euros: 647.200,60 € para mellora da actividade dos pósitos e promoción de produtos do mar e 149.995,40 € para investimentos en infraestruturas e novos equipamentos.

A través deste plan, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co sector pesqueiro artesanal, apoiando a creación de emprego, a innovación, a profesionalización das entidades e a valorización dos produtos mariños da provincia.