Estás en:Novas

A Deputación reforza o seu apoio á Confraría de Cedeira con axudas para mellorar os seus servizos

A entidade recibiu dúas axudas por importe de 40.000 euros para contratar persoal e dotarse dun novo vehículo para vixiancia e transporte

A Deputación destina este ano 800.000 euros para apoiar ás confradías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia

A Deputación reforza o seu apoio á Confraría de Cedeira con axudas para mellorar os seus servizos

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Cedeira, acompañada do alcalde da localidade, Pablo Moreda Gil, para coñecer de primeira man a actividade e as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro local. Ambos reuníronse coa secretaria da confraría e a presidenta das marsicadoras.

Durante a visita, Capelán puxo en valor o traballo da confraría, que vén de recibir unha axuda da Deputación de 19.000 euros para a contratación de dúas persoas encargadas de mellorar os servizos que a entidade ofrece aos seus 141 asociados e asociadas. Grazas a esta subvención, púidose incorporar un encargado da lonxa e reforzar a área administrativa coa contratación dunha secretaria, co obxectivo de mellorar a xestión interna e a comercialización dos produtos do mar.

Ademais, a confraría conta cunha segunda axuda da Deputación, por importe de 21.000 euros, destinada á adquisición dun vehículo para tarefas de vixilancia e transporte, unha ferramenta clave para garantir o control das zonas de explotación e a sustentabilidade dos recursos mariños.

A deputada destacou que estas achegas "son exemplo do compromiso da Deputación co sector pesqueiro artesanal, fundamental para a economía local e a identidade dos nosos concellos costeiros", e subliñou que "as confrarías, como a de Cedeira, son piares da economía azul, xeradoras de emprego e cohesión social".

Estas axudas forman parte do plan provincial de apoio ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores, que este ano mobiliza preto de 800.000 euros en 45 actuacións. As subvencións inclúen tanto actividades de funcionamento e promoción de produtos do mar, como investimentos en mellora de infraestruturas e equipamentos, cun especial foco nas pequenas confrarías e na valorización dos produtos locais.

A través destas liñas, a Deputación contribúe a garantir a viabilidade, modernización e profesionalización dun sector estratéxico da provincia como é o pesqueiro e marsiqueiro, favorecendo tamén o relevo xeracional, a transformación dixital e o impulso de eventos como as festas gastronómicas, que promoven a calidade dos produtos mar da provincia.