Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa na homenaxe a Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle, vítimas da represión franquista

O último gobernador civil republicano e a súa esposa foron asasinados en 1936 a mans dos golpistas

A Deputación da Coruña participa na homenaxe a Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle, vítimas da represión franquista

O deputado portavoz do Goberno provincial da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou hoxe no acto de homenaxe e descubrimento dunha placa conmemorativa na sede da Subdelegación do Goberno en lembranza de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña durante a Segunda República, fusilado tras o golpe militar de xullo de 1936, e da súa esposa, Juana Capdevielle, intelectual e bibliotecaria butalmente asasinada durante o seu embarazo semanas despois.

No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e familiares de Francisco Pérez Carballo, nun emotivo acto de memoria, reparación e dignidade.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou que o acto servía para "lembrar, reparar e dignificar a memoria" de Pérez Carballo, "non só como servidor público, senón como símbolo de compromiso coa democracia, coa xustiza e coa liberdade". Lembrou que con tan só vintecinco anos, este fillo dunha familia galega emigrada a Madrid asumiu con valentía a responsabilidade de representar ao Goberno democrático da República "nun tempo escuro e difícil, sabedor do risco que corría".

O deputado provincial subliñou que a placa instalada na fachada do edificio lembra non só a figura de Pérez Carballo, senón tamén a de todas as persoas que foron vítimas da arepresión franquist: "Porque a memoria é xustiza. E sen verdade e sen reparación non pode haber democracia plena".

Na súa intervención, tamén fixo referencia a outras vítimas da represión na provincia, como Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña; Ánxel Casal, alcalde de Santiago; ou José López Bouza, presidente da Deputación, todos eles cargos democraticamente elixidos e executados por defender a legalidade constitucional e defendeu que actos coma este son necesarios, xa que "aínda hoxe hai quen xustifica aquela barbarie".

Neste sentido, reivindicou que a Xunta de Galicia destine tamén recursos públicos a recuperar a memoria dos represaliados polo franquismo, como están facendo o Goberno de España e os concellos.

"O nome de Francisco Pérez Carballo queda desde hoxe gravado nesta parede, pero sobre todo na nosa memoria colectiva. Representou, en palabras dos seus compañeiros, 'o mellor da República'", concluíu.