Estás en:Novas

A Deputación colabora coa Asociación de Veciños A Armonía de Vilarmaior nas obras de mellora da accesibilidade no entorno da igrexa de San Pedro

A Deputación colabora coa Asociación de Veciños A Armonía de Vilarmaior nas obras de mellora da accesibilidade no entorno da igrexa de San Pedro

A deputada provincial responsable da área de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou esta mañá a Asociación Parroquial A Armonía de Vilarmaior e mantivo un encontro coa súa directiva para coñecer de primeira man as necesidades da entidade veciñal e o avance das obras que están a acometer no entorno da igrexa de San Pedro de Vilarmaior.

A actuación conta cunha subvención da Deputación da Coruña de 19.566 euros e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade neste espazo de uso comunitario. Entre as actuacións previstas atópanse a rehabilitación das escaleiras existentes e a instalación dunha barandilla de pedra, a construción dunha rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida, a iluminación do contorno e a mellora e acondicionamento do campo de aparcamento, que é propiedade da asociación veciñal.

O proxecto contempla tamén a creación de dúas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, co fin de garantir un acceso digno e seguro á igrexa e aos espazos de encontro da parroquia. Na actualidade, o acceso desde o aparcamento á igrexa resulta inaccesible para este colectivo.

Cristina Capelán destacou "o compromiso da Deputación coa mellora da calidade de vida no rural e coa inclusión, apoiando proxectos que nacen do tecido asociativo e que responden ás necesidades reais da veciñanza".

A deputada valorou tamén o labor da Asociación A Armonía de Vilarmaior como dinamizadora da vida comunitaria e puxo en valor o papel fundamental que desempeñan as asociacións veciñais no desenvolvemento do territorio.