Estás en:Novas

A Deputación apoia á Asociación Santiago de Paradela de Curtis coa adquisición dunha carpa móbil para actividades culturais e veciñais

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destaca o papel fundamental das entidades veciñais para dinamizar o rural

A Deputación apoia á Asociación Santiago de Paradela de Curtis coa adquisición dunha carpa móbil para actividades culturais e veciñais

A deputada provincial responsable da área de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe a Asociación Veciñal e Cultural Santiago de Paradela, no concello de Curtis, e reuniuse coa súa directiva para coñecer as necesidades da entidade e os proxectos que están a desenvolver.

A asociación, que conta con preto de 90 persoas socias, vén de recibir unha subvención de 19.200 euros da Deputación da Coruña para a adquisición dunha carpa móbil que lles permitirá desenvolver actividades ao aire libre durante todo o ano. A nova infraestrutura, de 20 metros de longo por 10 de ancho e 4,80 metros de altura, servirá de apoio á programación cultural, festiva e gastronómica que impulsa a entidade.

Entre as iniciativas que se beneficiarán desta mellora atópanse festas populares, xornadas etnográficas e culturais, actividades para a veciñanza e eventos de exaltación de produtos locais, que contribúen á dinamización do territorio e á posta en valor das tradicións da parroquia.

Durante a visita, Cristina Capelán destacou "o compromiso da Deputación co asociacionismo rural e co impulso da vida comunitaria nos concellos do interior, apoiando proxectos que fortalecen o tecido social e cultural". A deputada agradeceu o traballo da asociación e animou a seguir promovendo iniciativas que manteñen vivo o rural e fomentan o encontro entre xeracións.