Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca en Equiocio 2025 o papel do evento como espazo de deporte, cultura, inclusión e sustentabilidade

Antonio Leira participou na inauguración dunha nova edición de Equiocio

A Deputación da Coruña destaca en Equiocio 2025 o papel do evento como espazo de deporte, cultura, inclusión e sustentabilidade

O deputado responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira participou este xoves na inauguración de Equiocio 2025, que se celebra un ano máis no Campo das Cabazas, en Ferrol, e destacou o papel deste evento como "espazo de encontro que combina deportes con valores, que aposta pola diversidade, que xera oportunidades e que pensa no mañá".

No seu discurso, Leira lembrou que Equiocio botou a andar hai máis de trinta anos como un concurso hípico, e que ao longo do tempo foi evolucionando ata converterse nun evento multidisciplinar, que vai moito máis alá da competición ecuestre.

"Hoxe Equiocio é deporte, si. Pero tamén é natureza, cultura, inclusión, sustentabilidade, talento local e participación social", asegurou o deputado, quen puxo en valor o modelo de programación do evento.
O Campo das Cabazas acolle durante catro días un completo programa de actividades para todos os públicos, con especial atención ás familias, á infancia, á integración social e á sensibilización ambiental. "Equiocio deixa pegada e contribúe a dar a coñecer Ferrol, dinamizando a economía local", subliñou Leira.

Desde a Deputación da Coruña, sinalou, "seguiremos apoiando con firmeza iniciativas como esta, que xeran cohesión social e que colocan á cultura e ao deporte como motores de transformación".
O deputado tamén quixo agradecer o traballo das persoas que fan posible cada edición de Equiocio: organización, voluntariado, entidades sociais, patrocinadores e administracións. "Esta é unha cita feita desde o compromiso e a ilusión colectiva", asegurou.

Equiocio 2025 ofrece, ademais das probas hípicas, unha ampla oferta de actividades culturais, deportivas, educativas e de lecer, cun enfoque transversal que aposta pola sustentabilidade e a participación cidadá.