Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o traballo da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, que colabora con 150 entidades sociais da provincia

Máis de 26.000 persoas en situacións vulnerables da provincia beneficianse da distribución de alimentos de primeira necesidade que realiza a entidade

A Deputación da Coruña apoia o traballo da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, que colabora con 150 entidades sociais da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado da deputada de Educación, Yoya Neira, visitou este xoves as instalacións centrais e o centro de distribución da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), situadas en Meicende (Arteixo), onde foi recibido pola directiva da entidade.

Durante a visita, o presidente do Banco de Alimentos, Manuel Mora Pita da Veiga, xunto co secretario, Sergio Medina, e o tesoureiro, José Manuel Lado, explicaron o funcionamento da organización, que actualmente distribúe alimentos a través de 150 entidades sociais e concellos, chegando a preto de 26.000 persoas beneficiarias en toda a provincia. Mora destacou que a visita serviu para trasladarlle ao presidente da Deputación a situación actual da entidade, os proxectos de futuro e as principais necesidades do banco: "Foi unha entrevista moi cordial. A recepción é froito da sensibilidade do presidente con estes temas, e esperemos que en pouco tempo póidanse dar resultados a base de conversar e propoñer solucións".

Durante o encontro, o presidente da Deputación expresou o seu compromiso coa entidade, asegurando que "non hai nada máis sensible por parte da sociedade que cubrir a necesidade máis básica, que é a alimentación dunha familia". Formoso sinalou tamén que o apoio institucional debe centrarse en garantir a alimentación das persoas máis vulnerables: "Temos que priorizar estas cuestións por riba doutras actuacións que, sendo importantes, non o son tanto como asegurar o sustento de miles de familias".

Así mesmo, Formoso anunciou que a Deputación traballa para colaborar na mellora da operativa loxística do Banco de Alimentos, co obxectivo de axudar á entidade a concentrar os seus recursos nun único punto e así reducir custos e mellorar a xestión.

A Deputación da Coruña leva investidos 453.000 euros nos últimos cinco anos para apoiar o labor dos bancos de alimentos da provincia. Este ano, a Deputación vén de aprobar unha axuda de 70.000 euros. Un apoio que cobra especial relevancia nun contexto no que, segundo explicou o presidente do Balrial, a inflación está a reducir a capacidade de compra da entidade: "Pasamos de mover 2,8 millóns de quilos de alimentos en 2021 a 1,7 millóns o ano pasado, cun número similar de beneficiarios. Compramos menos cos mesmos cartos".

Finalmente, Mora avanzou que o Banco de Alimentos Rías Altas se atopa actualmente nun proceso de fusión co Banco de Alimentos de Santiago, co fin de reforzar a súa estrutura e mellorar a distribución de alimentos en Galicia.