A Deputación destina máis de 436.000 euros a impulsar o sector agrario na provincia
As axudas permitirán financiar investimentos e actividades para mellorar a produción, coidar os montes e previr incendios

A Deputación da Coruña vén de resolver de maneira definitiva dúas liñas de subvencións destinadas a apoiar o tecido asociativo agrario, labrego, gandeiro, forestal e cazador da provincia cun investimento conxunto de 436.347 euros.
Por unha banda, a institución provincial publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva do programa de axudas a investimentos, ao que accederán 25 entidades entre as que se distribuirán un total de 211.371 euros.
Do mesmo xeito, publicouse a resolución definitiva do programa destinado a apoiar as actividades das asociacións e federacións deste sector durante o ano 2025, cun orzamento de 224.976 euros.
Entre as actuacións financiadas grazas a estas liñas de axudas atópanse as rozas preventivas, que axudan á prevención de lumes, as melloras de camiños, proxectos de recuperación de especies autóctonas, actividades formativas e iniciativas para optimizar os procesos produtivos coa adquisición de maquinarias e a mellora das instalacións e dos equipos informáticos.
Con estas subvencións refórzase o compromiso da entidade provincial co desenvolvemento do rural e co fomento de prácticas respectuosas co medio ambiente.
Listaxe das entidades beneficiarias para a realización de investimentos: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/08/06/2025_0000005173.html
Listaxe das entidades beneficiarias para actividades en 2025: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/08/06/2025_0000005125.html