Formoso destaca o Noroeste como un “festival único” por ofrecer 38 concertos gratuítos
O presidente da Deputación visitou a montaxe do escenario da praia de Riazor xunto co concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro
A institución provincial colabora na 38.º edición do evento, que durante cinco días levará a música a diferentes puntos da cidade herculina

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a praia de Riazor xunto ao concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, e o director corporativo de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, para comprobar como se está a desenvolver a montaxe do escenario principal do Festival Noroeste. Nel terán lugar os concertos de Luar na Lubre, Guadi Galego, Grande Amore, Carlos Ares, Siloé e The Vaccines, dentro dun programa que, durante cinco días, inclúe 38 espectáculos repartidos por seis puntos da Coruña.
A Administración provincial colabora na 38.ª edición dun "festival único", tal como o definiu Formoso non só pola cantidade de actuacións que despregará desde hoxe e ata o domingo 10 de agosto, senón tamén polo seu carácter gratuíto.
Situación dos lumes
En declaracións realizadas tras a visita, a preguntas dos medios, o presidente provincial mostrou a súa solidariedade coas persoas que están a sufrir os incendios forestais. Son "momentos moi duros", dixo, tal como lle trasladaron onte os veciños e veciñas de Balarés cos que tivo a oportunidade de falar tras a extinción do lume que se achegou ás súas casas.
Destacou tamén o labor "enorme" que están a desenvolver en Ponteceso e Camariñas os equipos contraincendios e mostrou a súa preocupación ante o risco que provocan as altas temperaturas e o vento. Formoso cualificou de "terrorismo ambiental" a acción de quen prende lumes e lamentou que haxa persoas que coa súa actitude "poñen en perigo a todo o mundo".