Estás en:Novas

Formoso destaca Alfaroleiros como “unha aposta pola tradición propia”

O presidente provincial participou na inauguración da feira xunto ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane
A Deputación da Coruña colabora nesta 31.º edición coa instalación de espazos gastronómicos e de artesanía

Formoso destaca Alfaroleiros como “unha aposta pola tradición propia”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, valorou hoxe Alfaroleiros como "unha aposta pola tradición propia" pola que felicitou ao concello de Oleiros. Durante a inauguración da feira, na que interveu xunto ao alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Cultura da localidade, María José Santos, Formoso destacou que o evento "non é simplemente unha bandeira local, senón de Galicia".

Na súa intervención, salientou o traballo do Concello no impulso á olería, polo que mereceu unha mención de honra na pasada edición dos Premios Nacionais de Cerámica, que se celebrou en Granada. "Esta non é so unha feira. É unha aposta de Oleiros pola cultura, a arte e a historia", afirmou Formoso, que nese senso subliñou que a Deputación "tiña que estar presente" na feira.

De feito, a institución provincial veu incrementando o seu apoio a Alfaroleiros ata acadar, na edición do ano pasado, os 40.000 euros, unha cifra que roldou a metade do orzamento da feira. O obxectivo desa achega é contribuír a pór en valor a olería polo seu interese cultura, pero tamén porque contribúe ao desenvolvemento económico e xera emprego a nivel local en provincial, dado que na Coruña existen diferentes municipios nos que esta actividade ten unha presenza destacada.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros invitou ao público presente no parque de Luís Seoane, onde ten lugar o evento, a aproveitar estes días para facerse "con algunha das obras de arte únicas que se poden comprar na feira". García Seoane aproveitou o seu discurso para reivindicar o interese turístico da Alfaroleiros, unha declaración na que o Concello está traballando.

Cinco días de feira

Alfaroleiros estará aberta ata o vindeiro domingo en Santa Cruz. Nela participan unha vintena de obradoiros de olería de diferentes puntos de España e Portugal. Xunto á exposición dos produtos, desenvolverase un amplo programa de actividades paralelas, que inclúen un espazo gastronómico e outro de artesanía instalados pola Deputación, ademais de concertos, espectáculos de maxia, danza ou xogos.