A Deputación incrementará a seguridade peonil en Rianxo cunha nova senda ata Burés
A obra, que se desenvolverá no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+541 e 1+911 da estrada DP 7002, e que foi adxudicada por 161.761,09 euros, inclúe tamén a substitución dos puntos de luz

A Deputación da Coruña impulsa unha nova actuación que incrementará a seguridade peonil na DP 7002 coa construción dunha senda no tramo que conecta Rianxo con Burés, pasando por Asados.
A actuación adxudicouse por 161.761,09 euros e esta mesma semana asinouse o contrato para a súa execución. Permitirá dar continuidade ás sendas existentes nos treitos anterior e posterior, garantindo unha maior seguridade no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+541 e 1+911.
A nova senda sobreelevada terá un ancho de dous metros e contará con pavimento de baldosa hidráulica sobre base de formigón, incluíndo bordos neste mesmo material. O ancho poderá adaptarse puntualmente para minimizar o impacto sobre as parcelas lindeiras.
O proxecto contempla tamén a mellora da drenaxe mediante unha rede soterrada de tubaxes de PVC e a instalación de sumidoiros.
A maiores, entre os puntos quilométricos 1+783 e 1+827 executarase unha zona de estacionamento e entre os puntos 1+827 e 1+911 realizarase o afirmado dun sobreancho, mellorando a funcionalidade da vía.
A actuación completarase coa substitución dos puntos de luz existentes e coa correcta sinalización horizontal e vertical deste tramo.