Oito festivais da provincia contarán con puntos LGTBI+ ao abeiro da campaña Liberdade de Ser e Sentir
Instalaraos a asociación ALAS A Coruña para sensibilizar, informar e achegar recursos á cidadanía sobre a diversidade afectiva, sexual, de xénero e familiar
"Desde a área de Igualdade e Dereitos Civís", explicou a titular do departamento, Sol Agra, "seguimos querendo construír unha sociedade onde todas as identidades e orientacións sexuais teñan cabida, recoñecemento e protección, sen medo e sen armarios"

A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña poñerá en marcha un total de oito puntos informativos en festivais e festas populares da provincia, ao abeiro da campaña Liberdade de Ser e Sentir, impulsada ao longo de todo o ano polo departamento de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña para a defensa dos dereitos da comunidade LGTBI+. A primeira das citas na que se instalarán os puntos é, mañá mesmo, a Carballeira de Zas.
O obxectivo é sensibilizar, informar e achegar recursos ao conxunto da cidadanía sobre a diversidade afectiva, sexual, de xénero e familiar, promovendo espazos seguros, inclusivos e libres de LGTBIfobia durante citas culturais e musicais do verán.
Os postos estarán atendidos por persoal da entidade, que ofrecerá materiais informativos, formativos, xogos e materiais vencellados ao coidado da saúde sexual.
Ata o momento, xa se confirmaron seis dos oito eventos nos que estará presente a campaña durante estes meses de verán:
• Venres, 8 de agosto, ás 22 horas: Carballeira de Zas.
• Sábado, 9 de agosto, ás 21 horas: Castelo Rock (Muros).
• Venres, 15 de agosto, ás 13:30 horas: A Xunqueira (Cee).
• Luns, 18 de agosto, ás 22 horas: Festas de San Roque (Betanzos).
• Sábado, 23 de agosto, ás 22 horas: Festival Irmandiño (Moeche).
• Venres, 5 de setembro, ás 21 horas: Festival Rock in Rian (Rianxo).
As dúas datas restantes serán anunciadas nas vindeiras semanas.
"Desde a área de Igualdade e Dereitos Civís", explicou a titular do departamento, Sol Agra, "seguimos querendo construír unha sociedade onde todas as identidades e orientacións sexuais teñan cabida, recoñecemento e protección, sen medo e sen armarios". "Porque todos os corpos", engadiu, "todas as identidades e todas as formas de amar merecen ser celebradas. Porque non hai democracia plena sen igualdade real".