Música antiga, patrimonio e memoria volven ser protagonistas da nova edición do ciclo da Deputación Espazos Sonoros
Hoxe presentouse no Centro Etnográfico de Teixeiro (Curtis) o programa de concertos e actividades, que se celebrarán, do 31 de agosto ao 4 de outubro, no convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón), o faro de Estaca de Bares ou o Estaleiro do Ciprián (Outes), entre outros espazos senlleiros do patrimonio provincial
Per-Sonat, Alexia Crhysomalli & Óscar Antolí, Il Concerto Intempestivo, Vox Stellae, Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas, Suelen Estar Quartet, Rosana Orsini e ensemble freymut encherán de son eses espazos
"Falamos de Espazos Sonoros como dunha marca claramente asentada no panorama estatal e referente do que é un traballo ben feito, un traballo que aposta pola cultura e o patrimonio para asentar territorio e actuar como dinamizador social deste país", salientou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas

Co lema "Escoitar con asombro, alento da memoria", presentouse esta mañá no Centro Etnográfico de Teixeiro (Curtis) unha nova edición de Espazos Sonoros, o ciclo organizado polo departamento de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña no que se dan a man a música antiga e o patrimonio cultural e arquitectónico da provincia. Na rolda de prensa interviron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; a directora artística do festival, Belén Bermejo, e o alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, quen deron paso á actuación musical de Maria José Pámpano, de Suelen Estar Quartet, unha das formacións protagonistas este ano.
Il Concerto Intempestivo (no convento de Santo Antonio de Hérbón, Padrón, o 31 de agosto, ás 20.30 horas) abrirán unha programación que terá estoutras citas:
• Domingo 7 de setembro, 17.30 horas: Vox Stellae (igrexa parroquial de Santa María de Bares, Mañón).
• Sábado 13 de setembro, 19 horas: Alexia Chrysomalli & Óscar Antolí (Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira-Estaleiro do Ciprián, Outes).
• Sábado 20 de setembro, 19 horas: Per-Sonat (santuario da Virxe do Camiño, Muros).
• Sábado 27 de setembro, 17 e 18.30 horas: Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas (Santo Antoíño de Toques).
• Domingo 28 de setembro, 12.30 horas: Suelen Estar Quartet (Centro Etnográfico do río Mandeo, Curtis).
• Sábado 4 de outubro, 20 horas: concerto de clausura, con Rosana Orsini & ensemble freymut (Teatro de Beneficencia, Ortigueira).
"Falamos de Espazos Sonoros como dunha marca claramente asentada no panorama estatal e referente do que é un traballo ben feito, un traballo que aposta pola cultura e o patrimonio para asentar territorio e actuar como dinamizador social deste país", salientou o titular de Patrimonio, Xosé Penas.
Para o deputado, Espazos Sonoros é "un festival cun selo de calidade, onde participan os mellores grupos do panorama musical internacional, e que aposta polo complemento de actividades arredor dese eixo central da música e do patrimonio". "Sempre na procura doutra maneira de sentir, escoitar e contemplar esa inmensa lista de patrimonio material e inmaterial que temos a sorte de ter", engadiu, "Espazo Sonoros aporta ao panorama cultural outro xeito de entender o que ten que ser potenciar esa realidade".
Penas destacou o labor do seu departamento e do equipo que dirixe Belén Bermejo para facer posible o festival: "Traballamos lonxe de modas temporais, traballamos lonxe de grandes concertos que, con inmensas e discutibles achegas económica pagadas por todos, tráennos cada ano máis do mesmo, sen ter en conta que, na maioría dos casos, máis acaba sendo menos". "Aínda que por suposto", abundou, "ogallá tivésemos máis, se ben é certo que a achega da deputación da Coruña incrementouse especialmente estes dous últimos anos".
Referiuse Penas tamén á importancia de poñer en valor co festival o patrimonio da provincia: "O noso patrimonio non se rexe polas leis da estacionalidade, é un patrimonio rico, inacabable e en constante evolución que precisa da colaboración permanente das administracións públicas máis aló de cores políticas ou de gustos persoais das persoas xestoras". Por iso, o seu departamento seguirá "apostando polo modelo, polo modelo que funciona en outros países europeos, o modelo da apertura de portas ao público en xeral, ese público fiel que nos acompaña ano tras ano, e que ao rematar o ciclo xa preguntar para cando o próximo".
Belén Bermejo falou da "esencia nómade" como do trazo máis característico dun festival "á marxe das conxunturas marcadas polas modas, os ciclos políticos e os modelos culturais dominantes".
Segundo a directora, "co paso do tempo, o festival faise maior e vai perdendo modelos aos que parecerse, agás a si mesmo. Reinventámonos en cada espazo, en cada encontro, para manter vivo o espírito dunha comunidade nómade que, ano tras ano, sae á busca do benestar que proporcionan a música e os momentos compartidos".
Outras actividades
Coma todos os anos, o ciclo propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para saber máis dos contidos musicais da programación. Entre elas destacan unha visita ao conxunto conventual de Santo Antonio de Herbón e á igrexa románica de Santa María (31 de agosto), unha xornada en Bares e visita ao faro (7 de setembro), a Ruta dos carpinteiros cos pés mollados (13 de setembro), unha ollada ao patrimonio histórico e industrial de Muros (20 de setembro), unha visita ao castro da Graña e á igrexa de Santo Antoíño de Toques (27 de setembro) e unha visita Visita ao Centro Etnógráfico do Río Mandeo e paseo sonoro polo río Carregal (28 de setembro).
Os concertos son de balde e a entrada libre, agás para os recitais en Santo Antoíño de Toques e no Centro Etnográfico do Río Mandeo, que precisan inscrición previa, o mesmo que as outras actividades do programa. Na web do ciclo, espazossonoros.org, podedes consultar a programación polo miúdo e como e en que prazos realizar as inscricións.