Estás en:Novas

O Rally Terra de Galicia percorrerá 375 quilómetros e sete concellos co apoio da Deputación da Coruña

Esta primeira edición da proba conta con 46 pilotos inscritos e disputarase do 4 ao 6 de setembro e será puntuable para o Campionato

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou que este evento é "espectáculo, convivencia e orgullo de territorio".

O Rally Terra de Galicia percorrerá 375 quilómetros e sete concellos co apoio da Deputación da Coruña

O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación oficial da I edición do Rally Terra de Galicia, unha proba apoiada pola Deputación da Coruña e puntuable para o Campionato de España de Rallys de Terra, que se disputará do 4 ao 6 de setembro en sete concellos da provincia: A Coruña, Arteixo, Carballo, Cerceda, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

No acto participaron a deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán; o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; o representante da Federación Española de Automobilismo, Juan Estévez; e o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Roberto García. Xunto a eles, estiveron tamén os integrantes do comité organizador do rally, Ernesto Rumbo, Juan Fernández e Francisco Fernández, así como representantes municipais dos concellos polos que discorrerá a proba.

Capelán destacou que se trata dun evento "histórico, que converterá á nosa provincia no epicentro do automobilismo en España". Subliñou que o percorrido, con 375 quilómetros totais e 100 cronometrados, combina "tramos espectaculares e un ambiente único". A deputada puxo en valor que detrás de cada detalle hai "máis de 400 persoas entre comisarios, equipo sanitario, bombeiros, protección civil, seguridade, voluntarios e un enorme dispositivo técnico que garante seguridade e profesionalidade". E concluíu cunha mensaxe clara: "O Rally Terra de Galicia non é só deporte, é espectáculo, convivencia e orgullo de territorio".

Pola súa banda, o organizador Ernesto Rumbo salientou o gran traballo realizado para adecuar as pistas dos sete concellos. Rumbo explicou que os pilotos non coñecerán o trazado completo ata o mércores e lembrou que os recoñecementos se poderán facer xoves e venres baixo estritas medidas de seguridade. Avanzou tamén que a proba será retransmitida pola radio municipal de Cerceda e que algún tramo da última xornada será retransmitido pola Televisión de Galicia.

Desde a Xunta de Galicia, Roberto García puxo o foco no valor engadido do evento: "O deporte do motor transmite valores, sitúa no mapa turístico aos concellos participantes e promove a excelencia dos nosos deportistas, que están entre os mellores de España. Ademais, Galicia lidera un crecemento en licenzas femininas que tamén se ve reflectido neste rally".

O concelleiro coruñés Gonzalo Castro definiu a cita como "un evento deportivo de primeirísimo nivel, froito do traballo das escuderías que consolidaron a Galicia como referente automobilístico do Estado". Engadiu que rallys coma este "cohesionan territorio, mobilizan economía e sociedade e proxectan a mellor imaxe turística dos concellos". Castro fixo tamén unha chamada á cooperación institucional para dar un paso máis: "Temos o reto de contar cun circuíto de velocidade en Galicia, que consolidaría a nosa comunidade como referente automobilístico en todo o Estado".

En representación da Federación Española de Automobilismo, Juan Estévez destacou a calidade da inscrición: "A xente vai gozar moito, contamos cunha participación espectacular con 16 Rally2". Subliñou, ademais, a importancia da seguridade: "Dos participantes xa nos ocupamos nós, pero aos afeccionados quero pedirlles responsabilidade, porque sen seguridade nas estradas non hai espectáculo".

A primeira edición do Rally Terra de Galicia reunirá 51 pilotos inscritos e contará con verificacións, recoñecementos, shakedown, treito de cualificación e unha saída oficial na Praza de María Pita, para culminar cunha última xornada con catro tramos a dobre pasada e a entrega de trofeos no corazón da cidade. O evento terá tamén espazo para un trofeo específico de pilotos galegos, apoio á participación júnior e feminina e iniciativas para integrar deportistas con discapacidade.

Con máis de 40 anos de experiencia organizativa avalada polo Rally Internacional da Coruña e o Rally da Auga, esta nova cita automobilística nace con vocación de consolidarse no calendario nacional e aspirar a formar parte do Supercampionato de España e, no futuro, do Campionato de Europa de Rallys.