Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta un programa de formación para as entidades deportivas de base da provincia

Desenvolvaranse cursos en oito concellos da provincia para formar aos clubs en cuestións como a normativa sectorial, os patrocinios, a xestión da comunicación, a regulación emocional, a inclusión no deporte ou a dirección de equipos.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, explicou que a Deputación tomou esta decisión despois de realizar unha enquisa entre os clubs coruñeses para coñecer as súa necesidades concretas

As persoas dos clubs da provincia que estean interesadas en participar poden inscribirse xa a través desta ligazón.

A Deputación da Coruña presenta un programa de formación para as entidades deportivas de base da provincia

O deputado de Deportes, Antonio Leira, presentou hoxe o novo programa de formación para entidades deportivas de base da provincia, unha iniciativa que responde á necesidade dos clubs que fomentan o deporte e os seus valores entre a mocidade da provincia.

A meirande parte dos 2.400 clubs deportivos repartidos polos 93 concellos da provincia da Coruña viven unha realidade complexa. Sostéñense na súa maioría grazas ao traballo voluntario, o que provoca que lles resulte complicado afrontar retos como a dixitalización, a xestión administrativa ou a mellora dos procesos de adestramento.

Para chegar á conclusión da necesidade deste programa de formación, a Deputación realizou unha enquisa — na que participaron máis de 240 persoas de 60 concellos e 40 modalidades deportivas diferentes — para coñecer de primeira man as principais problemáticas que experimentan os clubs na súa xestión diaria. Deste cuestionario saíu unha conclusión clara: urxe un programa formativo adaptado á realidade do deporte de base, centrado especialmente na mellora do adestramento e na xestión dos clubs. O obxectivo é facer máis robusto e profesional o tecido deportivo da provincia.

Deste xeito, prográmanse un total de 8 xornadas formativas en diferentes concellos da provincia durante os meses de outubro e novembro, abordando temáticas como a normativa sectorial, os patrocinios, a xestión da comunicación, a regulación emocional, a inclusión no deporte ou a dirección de equipos.

Antonio Leira destacou "o apoio que brindamos dende a Deputación a todos os clubs deportivos da provincia", tanto a través de axudas económicas directas, ás que a institución provincial dedica este ano 4,3 millóns de euros, como co apoio na organización de eventos e promoción das súas actividades.

O deputado provincial subliñou que estas formacións "serán de grande utilidade para todos aqueles clubs que queiran seguir mellorando, profesionalizando aspectos da súa xestión e dando pasos cara o futuro. E nese proceso sempre terán a man tendida da Deputación da Coruña, porque todos estes equipos fan provincia e inculcan os valores do deporte e da saúde na mocidade".

As persoas dos clubs da provincia que estean interesadas en participar poden inscribirse xa a través desta ligazón.

O calendario de formacións e as súas temáticas son as seguintes:

As Pontes, 3 de outubro, no centro de interpretación A Mina.

De 16:30 a 18:00 horas: Xestión da comunicación e redes sociais, impartida por Daniel Agra.

De 18:30 a 20:00 horas: O reto da inclusión no deporte, impartida por Paula Gárate.

Dumbría, 10 de outubro, nas instalacións deportvias municipais de Conco.

De 16:30 a 18:00 horas: Ferramentas para adestrar a menores con respecto, impartida por Rubén Domínguez.

De 18:30 a 20:00 horas: Soporte Vital Básico (RCP e DESA) para técnicos deportivos, impartida por Roberto Barcala.

Ordes, 17 de outubro, no salón de plenos do Concello.

De 16:30 a 18:00 horas: Aplicacións de IA para a xestión dun club deportivo, impartida por Juanma Murúa.

De 18:30 a 20:00 horas: Soporte Vital Básico (RCP e DESA) para técnicos deportivos, impartida por Roberto Barcala.

Carballo, 24 de outubro, no Forum Galicia.

De 16:30 a 18:00 horas: Normativa sectorial no deporte, impartida por Miguel Juane.

De 18:30 a 20:00 horas: Regulación emocional para adestradores/as no entorno deportivo, impartida por Manuel Isorna.

Santiago de Compostela, 31 de outubro, no Auditorio de Galicia.

De 16:30 a 18:00 horas: Xestión da contabilidade e tesourería. Obrigas fiscais, impartida por Álvaro Illobre.

De 18:30 a 20:00 horas: Protocolo de protección da infancia e adolescencia no deporte, impartida por Gonzalo Silió.

Arzúa, 7 de novembro, na Casa de Correos.

De 16:30 a 18:00 horas: Xestión do estrés e da ansiedade na competición, impartida por Iago López Roel.

De 18:30 a 20:00 horas: Dirección de equipo: competencias das persoas adestradoras, impartida por Rubén Domínguez.

Betanzos, 14 de novembro, no salón azul do Edificio Liceo.

De 16:30 a 18:00 horas: Orientación profesional para deportistas, impartida por Teresa Molezún.

De 18:30 a 20:00 horas: Xestión da contabilidade e tesourería. Obrigas fiscais, impartida por Álvaro Illobre.

Boiro, 21 de novembro, na centro social.

De 16:30 a 18:00 horas: Patrocinio e doazóns, impartida por Yago Casal.

De 18:30 a 20:00 horas: Efectos da nutrición no rendemento deportivo e na saúde, impartida por Alicia Villegas.