Estás en:Novas

A Deputación apoia o labor cultural da Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas de Cerceda

Cristina Capelán visitou a entidade para interesarse pola súa actividade e coñecer o proxecto subvencionado pola área de Mar e Medio Rural

A Deputación apoia o labor cultural da Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas de Cerceda

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe a Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas, no concello de Cerceda, para coñecer de primeira man o proxecto apoiado pola institución provincial no marco da súa liña de subvencións a entidades do rural.

Grazas a esta achega, a entidade puido dotarse de novos medios materiais que resultan fundamentais para continuar co seu labor de recuperación e difusión da cultura tradicional galega. Adquiriron novas pandeiretas para as clases e actuacións, 10 micrófonos con pés e cables, e tamén se confeccionaron novas pezas de vestimenta tradicional.

Cristina Capelán destacou o "papel esencial que desenvolven entidades como A Xungueira na dinamización cultural do rural". A deputada puxo en valor a capacidade desta asociación para "crear espazos de encontro arredor do baile, o canto e a música tradicional, transmitindo saberes ás novas xeracións e fortalecendo a identidade local".

A Asociación A Xungueira das Encrobas organiza clases regulares de pandeireta, baile e canto tradicional galego, así como un encontro anual de pandereiteiras e tocadores de instrumentos tradicionais, ademais de actuacións en distintos puntos da comarca. A entidade, comprometida coa preservación do patrimonio cultural, tamén contribúe á mellora da calidade de vida no rural, ofrecendo alternativas de participación e expresión á veciñanza, especialmente ás mulleres.

A nova dotación de material mellorará a calidade das actuacións e permitirá continuar a actividade con maior dignidade e vistosidade. A entidade tamén se comprometeu a poñer estes recursos a disposición doutras asociacións locais, favorecendo a cooperación e o uso compartido.