Estás en:Novas

A II edición da Carreira Camiño da Vía Verde celébrase este domingo entre Ordes e Cerceda

A proba conta con cinco modalidades adaptadas a todos os públicos e idades, incluíndo unha carreira de 11,5 quilómetros e unha andaina de 6,2

Xa con 652 participantes rexistrados e a inscrición pódense formalizar de maneira gratuíta ata a medianoite de hoxe a través de https://www.carreirasgalegas.com/

A II edición da Carreira Camiño da Vía Verde celébrase este domingo entre Ordes e Cerceda

Este domingo, 28 de setembro, máis de 650 persoas daranse cita na II edición da Carreira Camiño da Vía Verde da Deputación da Coruña, unha proba na que se une deporte, lecer e natureza. Contará con cinco modalidades adaptadas a todos os públicos e idades, incluíndo unha andaina popular de 6,2 quilómetros.

A proba principal será a carreira de 11,5 quilómetros, que partirá ás 10:30 horas da antiga estación da Pontraga, en Ordes, e terá como meta a estación de Queixas-Londoño, en Cerceda.

As categorías escolares (2 km, 1 km e 400 metros), que teñen como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre as idades máis temperás, celebraranse a partir das 12:00 horas na contorna da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda. Este será tamén o lugar de remate da andaina, que partirá ás 09:45 horas do apeadoiro de Gorgullos, en Tordoia.

Tanto a carreira como a andaina contarán con servizo de traslado en autobús desde a meta, gardarroupa na zona de meta e duchas e vestiarios no polideportivo municipal Fernando González Laxe, en Cerceda, a partir das 11:00 horas.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que esta proba conxuga "a práctica deportiva coa posta en valor da paisaxe e historia da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, converténdose nun escaparate ideal do territorio".

As inscricións pódense formalizar de maneira gratuíta ata as 23:59 do día de hoxe, 24 de setembro, a través da páxina web de Carreiras Galegas.