Estás en:Novas

Entregados os premios da Copa Deputación de Vólei Praia 2025

Entregados os premios da Copa Deputación de Vólei Praia 2025

O deputado de Deportes, Antonio Leira, presidiu esta tarde o acto de entrega de premios da terceira edición da Copa Deputación de Vólei Praia, unha actividade que volveu converter as praias da provincia nun espazo de encontro e promoción do deporte base durante este verán.

O circuíto, integrado no Circuito Galego de Vólei Praia, desenvolveuse nas praias dos concellos de Sada e Rianxo e contou cunha ampla participación nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e sub-19, con rapazas e rapaces de toda Galicia que acudiron acompañados das súas familias e adestradores.

Cada unha das probas celebrouse ao longo de dúas xornadas cun mínimo de cinco pistas de xogo simultáneas e mobilizou a máis de 400 persoas entre deportistas, adestradores/as, árbitros e persoal da organización.
No acto de entrega de premios estiveron presentes o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, así como representantes dos concellos de Sada e Rianxo, entidades fundamentais no éxito organizativo do evento.

A Deputación da Coruña destaca o gran traballo organizativo realizado e renova o seu compromiso co fomento do deporte ao aire libre, especialmente entre a mocidade, aproveitando o potencial das praias como espazo deportivo e de convivencia.