A II Carreira Camiño da Vía Verde reúne a máis de 700 participantes e consolídase como cita deportiva e de promoción da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle
A Deputación da Coruña organizou este domingo a II Carreira Camiño da Vía Verde coa colaboración da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre- Lengüelle
Máis de 700 deportistas puideron gozar dunha mañá de deporte e natureza que serve de promoción para os atractivos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle
A II Carreira Camiño da Vía Verde - Deputación da Coruña celebrouse este domingo, 28 de setembro de 2025, reunindo a centos de participantes nas distintas probas - carreira absoluta de 11,5 km, andaina popular de 6,2 km e carreiras escolares de 2 km, 1 km e 400 m-. O evento serviu un ano máis para dar visibilidade ao trazado da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, consolidándose como unha cita deportiva que pon en valor este espazo natural e patrimonial.
A proba absoluta de 11,5 km arrancou na antiga estación de tren de Ordes-A Pontraga, cun percorrido que levou os participantes ata a antiga estación de Queixas- Londoño, en Cerceda, onde tamén se situou a liña de meta. O pistoletazo de saída estivo a cargo do alcalde de Ordes, José Luis Martínez, acompañado do deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, dando comezo a unha xornada de deporte e convivencia.
Na mesma estación de Queixas-Londoño disputáronse tamén as probas escolares de 2 km, 1 km e 400 m, facendo partícipes ás xeracións máis novas desta iniciativa que combina actividade física e promoción do territorio. Para aqueles que preferían un ritmo máis tranquilo, celebrouse tamén unha andaina de 6,2 km, con saída na antiga estación de Gorgullos-Tordoia e chegada en Queixas-Londoño, en Cerceda. O encargado de dar a saída desta andaina foi o alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro.
Na categoría feminina da carreira absoluta, o triunfo foi para Sandra González Fernández (Escola Atletica Lucense), cun tempo de 42:54, seguida de Marta Real Valiño (Ferrol) e Iria Senra Martínez (Club Atletismo Tambre). Na categoría masculina, o primeiro posto foi para Amador Pena Torreira cun rexistro de 40:21 completando o podio José Francisco Rocha García (Betanzos) e Fernando Vázquez Ares (Club Atletismo Sar, Culleredo).
Na entrega de premios participaron o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez; o alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro; a concelleira de Cultura, Educación e Turismo de Cerceda, Cristina Capelán; así como diferentes concelleiros e autoridades dos
municipios pertencentes á Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela- Tambre-Lengüelle.
Esta proba deportiva ten como finalidade destacar os atractivos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle como un lugar no que practicar deporte e gozar da natureza.
Os resultados da carreira poden verse na páxina web https://www.carreirasgalegas.com/results/ii-carreira-camios-da-va-verde-deputacin- da-corua/yz9zwJjq