A Deputación da Coruña agarda a autorización de Patrimonio da Xunta para actuar “canto antes” no punto negro da estrada DP 0810, en Bergondo
A proposta de ampliación da estrada e construción dunha senda depende do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para poder iniciar a redacción do proxecto, as expropiacións e as obras necesarias
A Deputación sostén que o accidente de hoxe volve evidenciar a necesidade de actuar de forma urxente na estrada: "Esta actuación non pode esperar máis"

A Deputación da Coruña continúa á espera do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia sobre a proposta de actuación presentada para a ampliación e mellora da seguridade da estrada DP 0810 no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, á altura de San Paio - Villa Julia, no concello de Bergondo.
Esta intervención foi cualificada en reiteradas ocasións polo goberno provincial como "necesaria e urxente" debido á alta sinistralidade deste treito, onde se teñen producido múltiples accidentes, un deles mortal, e nas últimas horas tivo lugar un novo accidente sen vítimas, cun camión implicado, que volve evidenciar a precariedade da seguridade viaria neste punto.
O punto afectado presenta un ancho de calzada moi reducido, que varía entre 5,5 e 3,6 metros, sen delimitación de carrís, con curvas de radio moi reducido, escasa visibilidade e sen espazo para a circulación peonil, malia ser unha zona con numerosas vivendas a carón da estrada.
En xuño de 2024, requiriuse ao propietario da finca coñecida como Vila Julia (BOE 11/06/2024) que permitise o acceso á parcela para realizar o levantamento topográfico necesario ou, en caso contrario, que achegase os datos precisos. O propietario enviou documentación, pero incompleta, que foi trasladada igualmente á Dirección Xeral de Patrimonio.
En abril de 2025, Patrimonio solicitou información complementaria, como fotografías de detalle dos elementos singulares e do conxunto da zona afectada, documentación que foi facilitada polo propietario e remitida pola Deputación o pasado 23 de xuño.
Desde entón, a Deputación está á espera do informe definitivo que autorice ou non a proposta de actuación presentada, que o departamento provincial de Vías e Obras considera que "compatibiliza as melloras de seguridade viaria necesarias coa preservación dos bens patrimoniais existentes na parcela".
A Deputación da Coruña reitera a súa preocupación pola demora na emisión do informe, que está a impedir avanzar na redacción do proxecto, na tramitación das expropiacións necesarias e na execución das obras, fundamentais para mellorar a seguridade viaria da veciñanza.
"Estamos a falar dun punto negro viario onde xa se produciu un accidente mortal. Esta actuación non pode esperar máis. Agardamos que Patrimonio da Xunta dea luz verde canto antes ao proxecto para poder actuar e evitar novos riscos", sinalan desde o goberno provincial.