A deputada de dereitos civís, Soledad Agra, participa no acto de homenaxe a Francisco Miguel
O concello da Coruña acolleu esta mañá o acto de entrega dos restos de Francisco Miguel, vítima do fascismo e enterrado nunha fosa en Bértoa (Carballo), á súa familia
A deputada sinalou que "estamos vivindo un momento histórico no que costa conter a emoción escoitando falar de verdade, xustiza e reparación. Pero ter que agardar case 90 anos para este momento, demostra que pouca xustiza existe na recuperación dos corpos dos asasinados durante o levantamento militar contra o goberno electo en 1936"

O concello da Coruña acolleu esta mañá o acto de de entrega dos restos de Francisco Miguel, asasinado polo fascismo e enterrado nunha fosa en Bértoa, á súa familia. A deputada de dereitos civís, Soledad Agra participou na homenaxe, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Emilio Silva, así como familiares de Francisco Miguel.
"Estamos vivindo un momento histórico", sinalou a deputada de dereitos civís, "no que costa conter a emoción escoitando falar de verdade, xustiza e reparación. Pero ter que agardar case 90 anos para este momento, demostra que pouca xustiza existe na recuperación dos corpos dos asasinados durante o levantamento militar contra o goberno electo en 1936". Soledad Agra referiuse tamén á "implicación" da Deputación neste acto, "para que os catro de Bértoa, Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, o seu fillo, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel, atopados grazas ao traballo dunha asociación de voluntariado civil, a ARMNH da Coruña, teñan unha lápida de pedra cos seus nomes, e tamén para colaborar na reedición dos Diarios de Syra e nun ciclo de conferencias para contar a súa vida e obra"
A deputada apuntou que "temos o deber moral de espallar os ideais e anceios de liberdade de todas as persoas asasinadas polo fascismo para que a súa morte non caia no esquecemento, eles morreron pero deixaron semente de vencer". E rematou parafraseando unha das citas do diario de Syra: "Lembro que esa noite foi unha das máis horribles en crimes. Dos cuartes, dos cáreceres, dos fogares, levaron os nosos á morte". Porque non foi unha matanza indiscriminada, só foron a polos nosos, e para honralos, para que haxa, xustiza, verdade e reparación, nós seguiremos sendo dos seus.
Trala entrega dos restos aos familiares no palacio de María Pita, autoridades e familiares dirixíronse ao cemiterio de Santo Amaro, onde tivo lugar o enterramento.