Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e ASEFOGA forman o sector forestal sobre novas tecnoloxías na prevención de incendios

A Deputación da Coruña e ASEFOGA forman o sector forestal sobre novas tecnoloxías na prevención de incendios

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou en Santiago a sede da Asociación Forestal Galega (ASEFOGA), onde coñeceu de primeira man o programa formativo "As novas tecnoloxías na prevención de incendios", unha iniciativa que conta cunha co apoio económico da Deputación da Coruña a través das liñas de subvencións para entidades do mundo rural.

O proxecto inclúe a realización de 15 xornadas formativas na provincia da Coruña, dirixidas a propietarios forestais, profesionais do sector, asociacións e público en xeral. O obxectivo é concienciar sobre o uso de ferramentas tecnolóxicas avanzadas como sensores remotos, drons ou intelixencia artificial na loita contra os incendios forestais, contribuíndo á xestión sostible dos montes galegos.

Durante as sesións, que teñen unha duración de tres horas e unha asistencia media de 35 persoas por curso, os participantes reciben formación teórica e práctica, así como unha guía titulada "As novas tecnoloxías na prevención de incendios: solucións prácticas para o monte galego", elaborada con contidos das propias xornadas.

ASEFOGA, que conta con máis de 600 socios, desenvolve este ciclo coa colaboración da Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e Unións Agrarias-UPA.

Cristina Capelán destacou "o valor deste tipo de iniciativas que combinan innovación, formación e compromiso co territorio" e enmarcou este apoio da Deputación "no obxectivo de poñer a dispor do sector forestal e da sociedade en xeral toda a información e todas as ferramentas dispoñibles na loita contra a lacra do lume que afecta aos nosos montes".