A Deputación convoca o XII Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade
O prazo de presentación de traballos estará aberto desde o 30 de setembro ata o 30 de outubro
Repartirá 15.000 euros: 5.000 para cada un dos centros gañadores das tres categorías a concurso: educación infantil, educación primaria e educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio

A Deputación da Coruña vén de convocar o XII Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade. O prazo de presentación de traballos estará aberto desde o 20 de setembro ata o 30 de outubro.
Repartirá 15.000 euros en premios: 5.000 para o gañador de cada unha das tres categorías a concurso: educación infantil, educación primaria e educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio.
O obxecto do certame –no que poderán participar centros educativos públicos da provincia que impartan esas tres modalidades de ensino referidas– é deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así coma a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades reais entre sexos, así como a igualdade de trato e a non discriminación por razón de orientación sexual e identidades de xénero.
A presentación dos proxectos e todos os trámites da convocatoria realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña.
As bases do certame están publicadas no BOP do 15 de setembro.