A Deputación da Coruña licita por 246.110 € as obras de mellora do firme dun tramo da estrada DP-2405 no concello de Ordes
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de novembro a través da Plataforma de Contratación do Estado
A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación un novo proxecto de mellora da rede viaria provincial, neste caso na estrada DP-2405 ao seu paso polo concello de Ordes, cun orzamento de 246.110,77 euros IVE incluído. As actuacións centraranse nun tramo de 1 quilómetro entre os puntos quilométricos 5+200 e 6+200, e poderán presentar ofertas as empresas interesadas ata o vindeiro 3 de novembro.
O proxecto prevé unha intervención integral que inclúe a apertura de cunetas, limpeza de paseos e o fresado e reposición puntual do firme deteriorado. A actuación principal será o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor ao longo de todo o ancho da calzada, co obxectivo de mellorar a durabilidade e a comodidade da circulación. Tamén se renovará por completo a sinalización horizontal mediante pintura branca en eixes, beiravías, símbolos e cebreados. Ademais, executarase unha canalización de 94 metros de lonxitude cunha nova cuneta de formigón e instalaranse 90 metros de barreira de seguridade, garantindo así unha mellora da seguridade viaria. O proxecto inclúe tamén a correspondente xestión de residuos segundo a normativa vixente.
O prazo previsto para a execución das obras é de cinco meses. Esta intervención en Ordes enmárcase no compromiso da Deputación da Coruña por mellorar a seguridade da rede de estradas provincial, reforzar a conectividade entre concellos e facilitar desprazamentos máis seguros e eficientes para a veciñanza.