A Deputación apoia a Asociación Máis de Tres de Rois na posta en valor das producións locais e sostibles
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a entidade para coñecer de primeira man o seu proxecto "Comercialización Km. 0", financiado pola Deputación da Coruña

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou a Asociación Máis de Tres de Rois, que desenvolve un proxecto pioneiro para a valorización e comercialización de produtos agroalimentarios locais e sostibles, grazas ao apoio económico da institución provincial.
Durante a visita, Capelán coñeceu de preto as accións formativas e de dinamización que a entidade está a levar a cabo no marco do seu programa "Comercialización Km. 0", que promove a recuperación de variedades autóctonas de froitas e hortalizas, o cultivo de cogomelos en podas forestais e a comercialización directa en mercados locais e a través de plataformas dixitais.
O proxecto, que abrangue actuacións nas comarcas do Barbanza, A Maía e o Sar, incide na recuperación de saberes tradicionais, na promoción da alimentación saudable e de proximidade e na creación de novas oportunidades laborais no medio rural, especialmente para mulleres e persoas maiores. Máis de 200 persoas participarán nas accións formativas ao longo de 2025.
Cristina Capelán destacou "o traballo fundamental que desenvolve a Asociación Máis de Tres para impulsar un modelo de produción sostible, de calidade e arraigado no territorio" e sinalou que "a aposta polo produto local é tamén unha ferramenta contra o despoboamento e a favor da dinamización económica do rural".
A asociación, activa desde 2016, colabora con máis dunha decena de entidades e colectivos, entre eles a Asociación Daquí Darredor, a UNED Sénior, a Asociación Galega da Froita Autóctona ou o grupo de cociñeiros Grupo Nove, configurando unha rede que combina produción, formación, transformación e consumo responsable.