Estás en:Novas

A Deputación apoia os programas de impulso á comercialización de produtos do mar e relevo xeracional da Confraría de Fisterra

Cristina Capelán visitou hoxe a confaría "Nuestra Señora de las Arenas" para interesarse pola súa actividade

A Deputación apoia os programas de impulso á comercialización de produtos do mar e relevo xeracional da Confraría de Fisterra

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe a Confraría de Pescadores "Nuestra Señora de las Arenas" de Fisterra, onde se interesou pola actividade que desenvolve esta entidade, fundamental para a economía e o emprego local. A Deputación da Coruña colabora coa confraría a través dunha achega de 24.000 euros destinada a impulsar o seu programa anual de comercialización pesqueira e apoio ao relevo xeracional, no marco da liña provincial de axudas ás confrarías de pescadores e mariscadores dotada cun orzamento global de 800.000 euros.

Durante a visita, a deputada destacou o papel estratéxico da lonxa de Fisterra, que aposta pola pesca costeira artesanal e pola máxima calidade e frescura de marisco e peixes como base da súa competitividade. "É un modelo de confraría comprometida co territorio, que aposta pola innovación, a profesionalización e o futuro do sector", subliñou Capelán.

A lonxa realiza poxas diarias de luns a venres, tanto presencialmente como a través da plataforma lonxasgalegas4.0, favorecendo a venda de especies como polbo, centola, ourizo, navalla, pescada ou xarda, entre outras. Conta con máis de 60 embarcacións asociadas e mantén colaboracións activas con confrarías de Corcubión, Lira e O Pindo, dentro da Zona V de marisqueo.

O apoio da Deputación contribúe tamén a mellorar a presentación e conservación dos produtos para acadar mellores prezos e impulsar o emprego na lonxa, onde recentemente se contratou unha nova persoa para reforzar a actividade de poxa. A confraría conta cun dos armadores máis novos de España, un rapaz de 19 anos, exemplo do éxito das políticas de relevo xeracional que promove.

A lonxa de Fisterra é ademais un referente de turismo mariñeiro, ao permitir a visitantes e peregrinos observar as poxas sen interferir no traballo diario, poñendo en valor o produto local e achegando o mar á cidadanía.