Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o labor social da Casa de Familia 'Ciudad Jardín' da Asociación Dignidad en Ferrol

A deputada de Benestar Social, Mar García, visitou hoxe o centro que ofrece acollida temporal e atención integral a menores en situación de risco ou desprotección social

A Deputación da Coruña apoia o labor social da Casa de Familia 'Ciudad Jardín' da Asociación Dignidad en Ferrol

A deputada de Benestar Social da Deputación da Coruña visitou hoxe as instalacións da Casa de Familia "Ciudad Jardín", xestionada pola Asociación Dignidad Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa con persoas e familias en risco de exclusión social. O obxectivo da visita foi coñecer de primeira man o labor que desenvolve o centro e o impacto das axudas provinciais no benestar dos menores e das familias que atenden.

Durante o percorrido polas instalacións, a deputada estivo acompañada pola presidenta da entidade, María Dolores Romero Martín, que explicou os detalles do proxecto e destacou a importancia do apoio institucional para manter este servizo esencial.

A Casa de Familia "Ciudad Jardín" é un dispositivo de protección á infancia de ámbito provincial, que ofrece acollida temporal e atención integral a menores en situación de risco ou desprotección social. O centro proporciona cobertura das necesidades básicas —alimentación, vivenda, educación, saúde e lecer— e traballa para favorecer a reunificación familiar cando resulta posible e beneficioso para o menor.

A deputada destacou o compromiso da Deputación co reforzo da rede de servizos sociais e coa colaboración con entidades que, como Dignidad Galicia, contribúen a garantir que ningún neno ou nena quede atrás.

"Este tipo de proxectos son fundamentais para construír unha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva. A Asociación Dignidad Galicia é un exemplo de bo facer e de compromiso coa infancia e as familias máis vulnerables", sinalou a deputada.

A Asociación Dignidad Galicia, certificada pola norma ISO 9001, conta cun equipo multidisciplinar formado por educadores e educadoras sociais, psicóloga, traballadora social, integradora social, enfermeira e coidadores/as. A súa metodoloxía céntrase na creación dun ambiente familiar e cálido, fomentando o desenvolvemento persoal, a autonomía e a integración social das persoas menores acollidas.

O proxecto da Casa de Familia "Ciudad Jardín" mantense operativo as 24 horas do día, os 365 días do ano, e complementa o seu traballo coa coordinación constante cos servizos sociais municipais, os equipos técnicos do menor da Xunta de Galicia e entidades sociais como Cruz Vermella, Aldeas Infantiles e Secretariado Gitano.