Estás en:Novas

A Deputación presenta á veciñanza de San Xurxo o proxecto de mellora da estrada DP 3607, que suporá un investimento de 737.000 euros

Formoso destaca que a actuación na estrada de Valón a San Xurxo suporá un importante avance en seguridade viaria, coa ampliación da plataforma, nova senda peonil, mellora do trazado e renovación do firme

A Deputación presenta á veciñanza de San Xurxo o proxecto de mellora da estrada DP 3607, que suporá un investimento de 737.000 euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá coa directiva da Asociación Veciñal de San Xurxo, en Ferrol, para presentarlles o proxecto de mellora da estrada provincial DP 3607, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+200 e 5+000, que suporá un investimento de 737.506 euros e dará continuidade ás melloras xa realizadas nos primeiros 4,2 quilómetros da vía.

O encontro, no que tamén participaron enxeñeiros e técnicos do departamento provincial de Vías e Obras, permitiu explicar en detalle unha actuación que responde a unha demanda veciñal histórica e que terá un impacto directo na mellora da seguridade tanto para vehículos como para peóns, nunha zona rural con trazado sinuoso e estreito.

A reunión contou coa participación do vicepresidente da entidade veciñal, Manuel Varela, e outros membros da xunta directiva, que agradeceron o compromiso da Deputación coa mellora das comunicacións na zona, atendendo así unha antiga demanda da veciñanza.

O presidente provincial destacou que "estamos ante unha actuación moi necesaria, que reforzará a seguridade viaria tanto para o tráfico rodado como para os peóns nun tramo moi utilizado para desprazamentos a pé da veciñanza e que presenta importantes limitacións de seguridade actualmente".

O proxecto, aprobado polo pleno da Deputación no pasado mes de xullo, contempla a ampliación da plataforma ata os 9 metros de ancho, con dous carrís de 3 metros, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de 2 metros, a renovación do firme, o axuste do trazado, a mellora da visibilidade, a pavimentación de sendas e beirarrúas con acabado en formigón, a reposición dos accesos existentes e a renovación integral da sinalización horizontal e vertical.

Do orzamento total, 681.915,88 euros destinaranse á execución das obras e 55.591,85 euros ás expropiacións necesarias, cuxo procedemento será o próximo paso para avanzar na actuación.
O presidente sinalou tamén "o labor que fan as asociacións de veciños para canalizar este tipo de demandas, facéndose se cadra máis útiles cando dende a administración cumprimos os compromisos que adquirimos con elas". Formoso rematou a súa intervención fixando en mediados de 2026 o comezo dos traballos.

Pola súa banda, Varela amosou unha gran satisfacción polo anuncio do proxecto, lembrando que "todas as obras importantes que se fixeron recentemente en San Xurxo foron executadas pola Deputación", agradecendo persoalmente ao presidente provincial o "máximo interese" que demostrou dende o primeiro momento para executar este proxecto.