A Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores de Rianxo localizarase nunha parcela a carón do IES Félix Muriel
O proxecto forma parte do plan provincial que impulsa tres centros nas Pontes, Ordes e Rianxo baseados en modelos europeos de quinta xeración.
Formoso destacou que "queremos desenvolver un modelo público que dignifique ás persoas maiores e evite o desarraigo".
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, subliñou o "paso adiante na atención ás persoas maiores e na mellora dos servizos sociais" que dará o municipio e a comarca.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, participaron hoxe nun encontro de seguimento do proxecto da futura Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) de Rianxo, que se levantará nunha parcela municipal de 8.000 metros cadrados situada a carón do IES Félix Muriel, na rúa Rianxiño. Trátase dun dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade. Na reunión participou tamén a deputada de Política Social, Mar García, e técnicos dos departamentos de Urbanismo, Arquitectura e Servizos Sociais, tanto da Deputación como do concello.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que as CAM "rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas". "Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía", afirmou.
Formoso engadiu que este proxecto "nace como experiencia piloto que pode servir de referencia para outras administracións con competencia nesta materia", e agradeceu ao Concello de Rianxo "a colaboración, as facilidades e a prudencia coa que se tratou a información, nun momento en que moitos concellos da provincia aspiran a contar cun proxecto semellante".
Pola súa banda, Bustelo destacou que este proxecto "supón un paso adiante na atención ás persoas maiores e na mellora dos servizos sociais do municipio e da comarca". Subliñou ademais que "a Deputación decidiu que Rianxo fora unha das localidades escollidas para poñer en marcha este novo modelo de coidados, e estamos a traballar conxuntamente para facelo realidade canto antes". Muíños amosou a súa confianza en que "as prazas se cubrirán axiña, porque a demanda é moi alta e a Xunta mantén pechadas as portas a novas residencias públicas na nosa comarca". "Grazas á Deputación abrimos unha nova vía para ofrecer unha atención máis próxima e humana aos nosos maiores", engadiu.
Modelo centrado nas persoas e a súa integración na vida comunitaria
O proxecto da CAM de Rianxo desenvolverase nunha parcela de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 serán edificables. O edificio organizarase en catro unidades convivenciais que, en conxunto, ofrecerán 59 prazas. As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais. A accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.
Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.
A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.
Galicia é unha das rexións máis avellentadas de Europa, cunha das ratios máis baixas de prazas públicas. En Galicia fan falta arredor de 5.000 prazas novas para acadar a media estatal, o que amosa a magnitude do reto que hai por diante. O presidente provincial lembrou tamén que "hai máis de 4.000 persoas en lista de agarda e debemos actuar con responsabilidade, aínda que non teñamos a competencia directa, porque as persoas maiores merecen vivir con dignidade e coidados de calidade".
As Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores supoñen así un cambio de paradigma na atención social, con centros que deixan de ser espazos pechados para converterse en fogares abertos á comunidade, nos que as persoas maiores manteñen a súa identidade, a súa liberdade e o seu lugar dentro do pobo. "Trátase dun proxecto de pobo, de provincia e de país —concluíu Formoso—, que aspira a ser seguido por moitas outras institucións nos próximos anos".