Formoso felicita a La Opinión de A Coruña polos seus 25 anos de compromiso co xornalismo local e de proximidade
O presidente da Deputación destacou no acto conmemorativo celebrado no Palexco o papel esencial dos medios locais "para entender o que pasa na nosa rúa, no noso concello e na nosa comarca"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde no acto de celebración do 25 aniversario de La Opinión de A Coruña, que tivo lugar en Palexco, onde puxo en valor a traxectoria do diario e o seu compromiso coa información de proximidade.
Formoso felicitou a todo o equipo do xornal por "un cuarto de século informando con rigor, paixón e unha aposta decidida pola realidade local, a que máis nos toca de preto". "Nun mundo no que a información chega a toda velocidade, La Opinión lembra algo fundamental: para entender o mundo, primeiro hai que entender o que pasa na nosa rúa, no noso concello, na nosa comarca", subliñou.
O presidente lembrou os inicios do diario, que chegou aos quioscos o 4 de outubro do ano 2000 e reivindicou tamén o papel do xornalismo local, que definiu como "un exercicio de constancia, proximidade e valentía".
"A Deputación, que traballa a carón dos concellos, precisa aliados como La Opinión para construír un relato compartido da nosa provincia, que é o motor económico, social e cultural de Galicia. Para que as políticas públicas se entendan, os avances se coñezan e as voces máis pequenas non queden sen un altavoz".
Formoso quixo tamén recoñecer o labor do Grupo Prensa Ibérica, editor de La Opinión, e do seu presidente Javier Moll, "por seguir apostando pola información local e de proximidade nun momento no que moitos grupos se afastan do territorio".
Na súa intervención, o presidente felicitou ao novo director do xornal, Daniel Domínguez, e mostrou a súa confianza en que esta nova etapa saberá combinar "a experiencia acumulada nestes 25 anos cunha mirada renovada cara ao futuro", afrontando retos como a dixitalización, a loita contra a desinformación e a conexión coas novas xeracións lectoras.
Formoso concluíu a súa intervención agradecendo o traballo de todas as persoas que fixeron posible o proxecto desde os seus inicios e o apoio constante dos lectores e lectoras: "Oxalá poidamos seguir lendo La Opinión moitos anos máis. Porque mentres haxa alguén interesado en saber que pasa na súa rúa, fará falta alguén que llo conte con honestidade, compromiso e verdade".
O acto conmemorativo contou coa presenza de representantes institucionais, profesionais da comunicación e membros do equipo de La Opinión de A Coruña, que celebraron os vinte e cinco anos dun xornal xa consolidado como referente da información local da Coruña e a súa comarca.